Ir o contido principal

A Facultade de Veterinaria renova por outros dez anos a acreditación europea da EAEVE

O reitor e os membros da comisión europea foron recibidos polo alcalde de Lugo no Concello
O reitor e os membros da comisión europea foron recibidos polo alcalde de Lugo no Concello
O presidente da comisión avaliadora cualifica o centro de "modelo a seguir en Europa" e distingue o Rof Codina e a Biblioteca Intercentros como "os mellores que viron"

A comisión da Asociación Europea de Establecementos de Ensino de Veterinaria (EAEVE) leu esta mañá as conclusións da avaliación realizada durante esta semana na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo anunciando que renovarán a acreditación que ten dende o ano 2000. Ademais, o presidente da comisión, o alemán Robin Oakley, anunciou nunha recepción posterior no Concello que o centro lugués é “un modelo de traballo para o resto das facultades de Europa que desexen obter esta distinción”.
O reitor da USC, Senén Barro, acompañado do equipo decanal do centro e das vicerreitoras adxuntas Begoña Barreiro e Celia Besteiro asistiron este venres á lectura das conclusións preliminares da comisión de avaliación europea, que foron lidas no Auditorio de Veterinaria en presenza de gran parte do persoal docente e investigador, xunto con alumnos e persoal de administración.
Na súa intervención, o presidente da comisión destacou que non existen obxeccións de grao I nin de grao II que impidan a consecución da renovación da acreditación e felicitou aos membros da dirección da facultade polo traballo de mellora realizado durante estes anos.
A comisión europea subliñou como factores positivos o esforzo realizado polo profesorado na formación dos alumnos, a participación dos docentes na formación continua, a propia formación do profesorado e todos os aspectos relativos ao currículo, incluíndo as prácticas. Así mesmo, cualificaron a Biblioteca Intercentros “como a mellor que viran ata o de agora” e o Hospital Rof Codina “como un modelo a seguir”.
Estas conclusión preliminares conformarán un informe oficial que se certificará nas próximas semanas e que recollerá polo miúdo as conclusión lidas esta maña.
Unha vez finalizada a reunión, os membros da comisión e do equipo directivo do centro e do Campus de Lugo, co reitor á cabeza, foron recibido no Concello de Lugo polo alcalde, José López Orozco, que se sumou ás felicitacións pola obtención da distinción por outros dez anos.
Durante este acto, Senén Barro, mostrou a súa satisfacción polo resultado e agradeceu o esforzo realizado por toda a comunidade educativa,na que incluíu a profesores, investigadores, PAS e alumnos, polo traballo realizado ao longo destes anos para conseguir a renovación deste “certificado de calidade”. Indicou tamén que “haberá que esperar ás conclusións oficiais, pero creo que ademais de dar o nivel melloramos as esixencias europeas nestes oitos anos”.
Pola súa banda, Robin Oakley, manifestou que a Facultade luguesa “é un modelo pero tamén pode servir de exemplo para que o resto de facultades que aínda non a teñan se animen a solicitala”. Engadiu que a decisión de renovar a homologación foi un acordo unánime dos seis membros que conforman esta comisión.
Finalmente, o presidente do grupo avaliador mostrou a súa satisfacción pola relación que manteñen o Concello e a Universidade de Santiago en materia de convenios e de apoio mutuo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2008.