A Facultade de Xeografía e Historia maniféstalle á Consellaría de Educación o seu rexeitamento á redución horaria de historia no Bacharelato
O Decanato da Facultade de Xeografía e Historia da USC remitiulle este mércores á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria un escrito no que rexeita “enerxicamente” a redución dunha hora da materia ‘Historia de España’ no segundo curso de bacharelato, segundo se desprende do anteproxecto de decreto sobre o currículo do Bacharelato en Galicia.
No escrito, que recolle o sentir xeral da Facultade, chámase a atención sobre a presenza cada vez menor das humanidades, e sobre as consecuencias negativas na formación dos estudantes na etapa preuniversitaria, pola merma que supón das súas capacidades de análise e crítica das realidades sociais. “Comprender o mundo contemporáneo non é posible desde unha única óptica nin exclusivamente dende si mesmo, polo que as perspectivas humanística e histórica resultan fundamentais”, afirman.
O equipo de goberno do centro solicita, en consecuencia, que se reconsidere a distribución horaria das materias proposta no borrador mencionado, “tendo en conta ante todo as necesidades formativas dos estudantes de cara ao ensino superior”.