Ir o contido principal

FAN-BEST, peza clave na internacionalización e o desenvolvemento tecnolóxico da economía azul

Concretamente, o proxecto FAN-BEST contempla a posta en marcha dun programa de internacionalización a partir do próximo mes de setembro. FOTO: Santi Alvite
Concretamente, o proxecto FAN-BEST contempla a posta en marcha dun programa de internacionalización a partir do próximo mes de setembro. FOTO: Santi Alvite
O proxecto que lidera a USC é froito dun consorcio internacional entre España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda para promover accións que reforcen o mar e os océanos como motores económicos
Santiago de Compostela

O proxecto europeo FAN-BEST, liderado pola USC, porá en marcha novas actividades para impulsar a internacionalización de proxectos emprendedores e startups relacionadas coa economía azul. Esta foi unha das accións xurdidas no marco da xornada ‘Apoio á economía azul do Atlántico’ que se desenvolveu esta semana. O proxecto contempla tamén a posta en marcha de novos servizos de apoio ao desenvolvemento tecnolóxico do sector.

“A Universidade ten que estar conectada coas empresas”, destacou o coordinador de FAN-BEST e membro do grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada da USC, David Rodeiro. “O próximo mes de xullo iniciamos a extensión do proxecto FAN-BEST. Queremos provocar unha mobilización de fondos para a economía azul pero tamén para establecer novas estratexias dende o punto de vista político que permitan reforzar o sector”, sinalou.

Concretamente, o proxecto FAN-BEST contempla a posta en marcha dun programa de internacionalización a partir do próximo mes de setembro. Por outra banda, ofrecerá apoios para que as empresas materialicen as súas ideas en produtos comerciais. Neste sentido, as persoas expertas que participaron na xornada destacaron que a economía azul abre moitas oportunidades para as empresas, ademais, FAN-BEST pode marcar o camiño para que cristalicen novos instrumentos de financiamento.  A xornada puxo o foco na importancia do mar para a mobilidade e o tráfico de mercadorías.

O proxecto FAN-BEST está financiado polo programa Interreg Atlantic Area e é o resultado dun consorcio internacional do que forman parte España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda.

Intervención de David Rodeiro na xornada ‘Apoio á economía azul do Atlántico’
Intervención de David Rodeiro na xornada ‘Apoio á economía azul do Atlántico’
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2022.