A FECYT selecciona os programas da USC Todocosmos e D3Mobile como exemplos de prácticas innovadoras
A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) seleccionou os programas da USC Todocosmos e D3Mobile como exemplos de innovación no seu catálogo de Prácticas Inspiradoras en Cultura Científica para a Convocatoria de proxectos 2015. Xunto a eses dous da USC figuran no dossier da FECYT outros 16 proxectos destacados entre os máis de 200 financiados na pasada edición, á que se presentaran 1.205 propostas. O obxecto desta selección é pór en valor a calidade dos proxectos financiados á vez que servir de inspiración a aqueles que queiran desenvolver actividades de divulgación da ciencia e a innovación. Todocosmos TODOCOSMOS é unha iniciativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller que –en colaboración cos concellos de Ames, Lalín, Noia, Padrón, Ordes, Oroso, Rianxo, Ribadeo, Santiago, Sanxenxo, Teo e Vedra– tenta achegar o mundo da astronomía á sociedade mediante observacións públicas en multitude de lugares, charlas en centros educativos e parroquias, visitas guiadas no Observatorio e a elaboración de materiais didácticos, atendendo así mesmo actividades noutras partes de Galicia. Entre os factores de innovación e excelencia a FECYT destaca o formato da proposta das USC, con observacións astronómicas en distintos puntos dos concellos colaboradores, ademais de no propio Observatorio universitario, e actividades en colexios. Achegar a astronomía ao público xeral “de maneira que poidan gozar desta ciencia cerca das súas casas” é outro aspecto que salienta a Fundación, que valora “o achegamento a colectivos que teñen máis dificultades en acudir a centros especializados”. Con este programa, di o documento, “gran cantidade de persoas descobren cousas que nunca pensaron que poderían observar mesmo dentro das propias poboacións”. Ademais, o uso dos medios materiais do Observatorio confírelle á actividade un “plus de calidade”, admiten dende a FECYT, “pero non hai que esquecer o gran labor realizado polos monitores das actividades así como a acción de coordinación, os contactos e, en definitiva, o esforzo de organización do responsable do programa, José Ángel Docobo”. D3Mobile Iniciativa do grupo de investigación USCAN3D do Campus de Lugo, a D3Mobile Metrology World League é un campionato de experimentación científica baseado no modelado 3D de precisión con teléfono móbil. Realizado por equipos reducidos de estudantes axudados polo seu profesor/a, lévase a cabo en obradoiros presenciais na aula, grazas aos contidos da web e ao asesoramento en liña da organización. O alumnado, en só dúas tardes de estudo, aprende en primeiro lugar a realizar modelos 3D a escala de obxectos sinxelos empregando un software libre de fotogrametría en liña de última xeración que traballa ‘na nube’ e un instrumental co que todos están moi familiarizados, o seu teléfono móbil. A FECYT considerou salientable esta iniciativa por canto “se consigue que o alumnado, tras participar no certame, tome conciencia da importancia da investigación cando se desexa resolver un problema, por sinxelo que sexa; neste caso, cómo medir mellor mediante fotogrametría e cun teléfono móvil”. A implicación activa do público escolar e o fomento da experimentación e das vocacións científicas son as claves que a determinan como práctica innovadora para a fundación.