A Federación Internacional de Asociacións de Profesores de Español celebrará na USC o seu IV Congreso Internacional
A Federación Internacional de Asociacións de Profesores de Español (FIAPE) coa colaboración dos Cursos Internacionais da USC celebrará entre os días 17 e 20 na Facultade de Filoloxía compostelá o seu IV Congreso Internacional baixo o lema ‘A ensinanza do español nun mundo intercultural. Xornadas pedagógicas. (www.fiape.org). A FIAPE está composta por 16 asociacións internacionais de Francia, Bélxica, EEUU, Austria, Brasil, Hungría, Noruega, Alemaña, Irlanda, Rusia, Corea, República Checa, Suecia, Chipre, Venezuela e a Asociación Europea de profesores de Español (AEPE). Concretamente no encontro de Santiago de Compostela serán 150 os participantes inscritos e 15 stands coa representación de universidades e fundacións españolas, editoriais e escolas privadas de español como lingua estranxeira na zona de expositores. O punto de partida deste encontro internacional será o acto inaugural a celebrar o luns 18 ás 10:00 horas na Facultade de Filoloxía coa presenza da xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud, e o presidente de FIAPE, José María Izquierdo. O programa do congreso está composto por 6 conferencias plenarias, 25 comunicacións e obradoiros e unha mesa redonda, onde se exporán propostas didácticas e temas de análise baixo o eixe da interculturalidade e vinculados a áreas como as TIC e a cultura e a literatura hispánicas na aula de español como lingua estranxeira. Cóntase coa presenza de 17 representantes de universidades e institucións académicas de Estados Unidos, Brasil, Noruega, Francia, Portugal, Bulgaria, Rusia, Corea del Sur, Mongolia e Australia. A representación da USC correrá a cargo da profesora Inmaculada Más Álvarez que falará sobre ‘ Ensinar historia da lingüística española en aulas multilingües e multiculturales’ e da profesora do Centro de Linguas Modernas Carmen Losada Aldrey que falará sobre ‘Unha mostra do mundo fraseolóxico de Pedro Almodóvar para a aula de ELE’. Ademais, e seguindo o enfoque multidiscipliñar, dende o ámbito da economía a investigadora da USC Pilar Taboada-de-Zúñiga centrará unha sesión plenaria arredor do tema ‘Unha aproximación á ensinanza do español como lingua estranxeira. O caso particular de Santiago de Compostela’. Dado o interese dos asistentes como prescriptores de opinión para os seus estudantes de español como lingua estranxeira nos seus países de orixe, a representación española nos paneis está presente a través das achegas da Universidade de Navarra, Universidade Complutense (Centro Complutense para a ensinanza do español), Universidade de Alcalá de Henares (Alcalingua), Universidade Antonio de Nebrija e CEA Global Education, Universitat de Barcelona (Estudios Hispánicos) e a Fundación Comillas.
A USC estará representada a través da Oficina de Relacións Exteriores, o Servizo de Publicacións, o Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) e a Oficina de Cursos Internacionais.