A Federación Panamericana de Leitería celebrará no Campus de Lugo un encontro internacional con profesionais do sector leiteiro

A Federación Panamericana de Leitería (FEPALE) celebrará no mes de outubro en Lugo a súa décimo oitava asemblea xeral, que reunirá a empresarios e produtores do sector lácteo de todo o mundo co obxecto de estreitar lazos de colaboración e explorar novas oportunidades de negocio e cooperación.
É a primeira vez que este encontro se desenvolve fóra do continente americano grazas á mediación do Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia, o único socio español de FEPALE, con quen coordina Red-Leche, unha rede de centros que dá apoio ás actividades de formación da federación, e colabora na promoción da campaña ‘Máis leite, máis saúde’.
Ademais do Centro Tecnolóxico Lácteo, no que participa a USC; a FEPALE conta con outros cincuenta socios, relacionados coa produción ou a transformación leiteira, doutros dezasete países: Arxentina, Ecuador, Perú, Brasil, República Dominicana, Colombia, Guatemala, Uruguai, Costa Rica, México, Venezuela, Chile, Paraguai, Estados Unidos, Australia, Dinamarca e Holanda.
A décimo oitava asemblea da Federación Panamericana de Leitería desenvolverase na capital luguesa entre os días 26 e 30 de outubro, e non só incluirá os actos institucionais propios da xuntanza, como son a celebración da xuntanza xeral anual, a elección da nova executiva ou a asemblea Red-Leche, senón que tamén contará cun amplo programa de actos dirixidos a todos os profesionais do sector leiteiro que asistan ao encontro.
Entre outras actividades, haberá unhas xornadas técnicas nas que se tentará analizar a relación entre as políticas agrarias europeas e americanas, con conferencias sobre as claves de éxito e a diferenciación nas empresas lácteas, unha análise da estrutura da leitería europea e das súas perspectivas de futuro, e mesmo a presentación a cargo de varios expertos da situación do sector nos seus respectivos países. Todos estes relatorios correrán a cargo de destacados profesionais con responsabilidades na Unidade de Produtos Gandeiros da Comisión Europea, en empresas como Lactogal, Central Lechera Asturiana, Leite Río ou Feiraco, e mesmo na Federación de Industrias Lácteas (FENIL), a Asociación Nacional de Industriais de Lacticínios (ANIL) ou a propia FEPALE.
No marco desta xuntanza internacional promoverase tamén unha novidosa e interesante rolda de contactos entre empresarios do sector leiteiro americanos, españois e portugueses de cara á apertura de posibles vías de negocio e colaboración, así como visitas á Aula de Produtos Lácteos da USC e a algunhas empresas representativas do sector gandeiro en Galicia.
O programa do encontro presentárono este martes a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Marta Miranda Castañón, e o director xerente do Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia, Juan Méndez Dónega.
CTLácteoO Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia constituíuse en Lugo en febreiro de 2009 coa participación das Consellarías de Innovación e Industria e do Medio Rural, a USC, a Universidade de Vigo e dez das principais empresas do sector lácteo que operan en Galicia (Corporación Alimentaria Peñasanta, Leite Pascual, Lactalis, Celta, Leyma, Feiraco, Queizuar, Queixerías Prado, Lácteos y Sueros de Galicia e Puleva Food).
O obxectivo deste centro é o de actuar como nexo de unión entre a administración, as empresas e a universidade co fin de desenvolver toda a capacidade investigadora do sector primario galego, básico para a economía produtiva galega. O CTLácteo lidera agora a investigación aplicada en colaboración coas empresas do sector, dando continuidade e intensificación á labor que, ata a súa creación, viña desenvolvendo a Aula de Produtos Lácteos da USC.
O Centro Tecnolóxico Lácteo é o único socio español da FEPALE, con quen colabora estreitamente na organización de diferentes proxectos e actividades. Entre elas, a coordinación conxunta de Red-Leche, que busca crear mecanismos de intercambio entre formadores da industria láctea así como propiciar a creación de servizos de información, orientación e capacitación para eses formadores. Esta rede conta con tres puntos focais con sede en Costa Rica, Colombia e Uruguai, onde se instalaron salas de videoconferencias. O centro adheriuse tamén á campaña ‘Máis leite, máis saúde’ da federación, co obxectivo de fomentar o maior consumo de leite e dos seus derivados, poñendo de relevo os beneficios que proporciona á saúde humana.
FEPALEA Federación Panamericana de Leitería é unha organización integrada por institucións e empresas de todo o mundo, públicas e privadas, relacionadas co sector leiteiro, con sede en Montevideo (Uruguai). Naceu en novembro do ano 1991 co obxecto de promover o desenvolvemento do sector a través da identificación de intereses comúns ao tempo que actúa como foro de vinculación dos membros da cadea láctea.
No seu comezo, a FEPALE agrupaba asociados duns poucos países, pero co paso do tempo foise expandindo ata que, a día de hoxe, ademais da asociación de membros de case todos os países americanos, a federación conta tamén con socios de España, Australia, Dinamarca e Holanda.
Os interesados en ampliar esta información poden facelo accedendo ás páxinas www.ctlacteo.org e www.fepale.org.