Ir o contido principal

A Feira de Outono de Emprendedoras de Compostela pon en valor a innovación social

Cartel da Feira
A feira rematará este sábado cunha feira expositiva accesible en formato en liña
As protagonistas desta iniciativa son mulleres que crean empresas con fines sociais e nas que a súa actividade non está só determinada pola necesidade de maximizar os beneficios económicos, senón por buscar o impacto na sociedade
Santiago de Compostela

Innovación social no emprendemento é a temática escollida para a segunda edición da Feira de Outono de Emprendedoras de Compostela, unha iniciativa que conta coa colaboración da USC e que promove a Concellaría de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas compostelá. O obxectivo desta iniciativa é achegar á cidadanía as diferentes iniciativas da economía social lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na contorna máis próxima. O encontro bota a andar este venres 30 e estenderase ata o 31 de outubro en formato semipresencial. A parte presencial desenvolverase na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago e todo o evento será retransmitido en liña a través da canle de Youtube de Woman Emprende.

As protagonistas desta feira son as mulleres que crean empresas con fines sociais, e nas que a súa actividade empresarial non está só determinada pola necesidade de maximizar os beneficios económicos, senón tamén por buscar o impacto social. Estas empresas son as cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais e os centros especiais de emprego.

Obradoiro Design Thinking

O evento contará cunha parte de formación semipresencial en Design Thinking que está dirixida a mulleres emprendedoras. A formación que seguiron unha trintena de mulleres dende o luns 26, pero este venres 30 de outubro será presencial no Espazo Gastro da Praza de Abastos a partir das 18.00 horas.

O sábado 31, ás 9.30 horas, celebrarase unha mesa redonda baixo o título ‘As persoas no centro da organización’. De  10.30 e 13.30 horas desenvolverase unha feira expositiva presencial coas responsables das marcas da exposición e poderanse seguir en liña as testemuñas das emprendedoras. Asemade, está prevista a participación de diferentes entidades que velan por crear un tecido empresarial responsable e transformador na contorna máis próxima, con especial atención a valores asociados ao feminismo, abordados dende a creatividade, o coñecemento, o impacto social e ambiental, como mostra de que a creación de empresas innovadoras e viables economicamente nos diversos sectores é totalmente compatible coa creación dun tecido empresarial responsable.

Casos de éxito consolidados

Empresas de éxito e consolidadas lideradas por mulleres é outro dos eixos dunha mesa de debate que a partir das 13.00 horas poderá seguirse en directo e na que toma parte a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo. Intervirán mulleres emprendedoras consolidadas empresarialmente e que se teñen convertido en referentes no seu sector. A finalidade é coñecer a súa experiencia empresarial e amosar o conxunto de actividades económicas que no ámbito privado levan a cabo entidades consolidadas que perseguen o interese colectivo das persoas que as integran así como o interese xeral económico ou social.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2020.