Ir o contido principal

Fernando Lino Vázquez: “non se trata de renunciar á vida social, senón de reformulala”

As relación sociais constitúen un compoñente esencial da saúde emocional. FOTO: Santi Alvite
As relación sociais constitúen un compoñente esencial da saúde emocional. FOTO: Santi Alvite
O profesor da Facultade de Psicoloxía proporciona pautas para gozar da vida universitaria con hixiene mental en tempos da COVID-19
Lugo, Santiago de Compostela

A pandemia por mor da COVID-19 está a xerar novos hábitos sociais en consonancia coas medidas ditadas dende as autoridades sanitarias. A esa nova forma de tecer vínculos, súmase o estrés provocado por un futuro incerto. “O estrés e a ansiedade son reaccións normais en situacións deste tipo”, explica Fernando Lino Vázquez. O profesor da Facultade de Psicoloxía da USC ofrece pautas para xestionar a crise sanitaria actual e poñela en relación co comezo dunha nova fase da vida, como é o caso da etapa universitaria.

A USC desenvolve protocolos específicos para poder manter a actividade académica a través dun réxime de presencialidade segura. “É importante que o alumnado estea ao corrente das indicacións da súa Facultade para preservar a súa propia saúde e a dos demais. O estrés de comezar unha nova vida pode sumarse á ansiedade pola pandemia. “Para poñer freo a este estrés é convinte establecer rutinas saudables de exercicio físico, sono e alimentación; manter un nivel axeitado de actividades agradables; ou manter relacións saudables coas persoas do seu círculo social. Nalgúns casos pode ser necesario aprender estratexias específicas da man dun profesional da saúde mental, que inclúen o manexo dos pensamentos negativos, ou procedementos de resolución de problemas, entre moitas outras”, recomenda o profesor.

As relación sociais constitúen un compoñente esencial da saúde emocional. “É importante manter o contacto cos amigos e a familia, e aínda que o contexto o dificulta, tamén, especialmente para o alumnado de primeiro ano, que inicia esa vida nova, construír un círculo social no contexto da universidade”. Neste senso, a distancia física non ten por que traducirse en distancia emocional.  “As novas tecnoloxías poden ter un papel moi importante para o estabelecemento dunha rede social para o alumnado. Non se trata de renunciar á vida social, senón de reformulala. A pesares de todas as cousas negativas, a nivel social, a situación que atravesamos pode ser unha oportunidade para desenvolver un sentido de comunidade e axudar a persoas que por unha ou outra causa pertencen a grupos de risco, e polo tanto unha oportunidade de mellorar como sociedade e a nivel individual”, explica.

 O ocio nocturno tal como estaba formulado, isto é, “grupos grandes, espazos pechados, a ausencia de distancia social, ou conduta desinhibida” non é seguro na actualidade dende o punto de vista da saúde. Encontros en grupos máis reducidos, espazos abertos, que contemplasen as medidas preventivas como son a distancia e a máscara facial e no que as persoas tivesen un maior control condutual é o máis razoable, recomenda o profesor.

Medos irracionais

“O contaxio polo COVID-19 non é un temor irracional, senón un medo normal ante unha situación potencialmente daniña e da que aínda descoñecemos moitas cousas”, explica o profesor. A situación cambia cando a intensidade do medo é tan elevada que interfire de xeito notable no funcionamento diario da persoa que o sofre. “O que nos di a literatura científica na Psicoloxía é que ante un medo destas características, a mellor estratexia para superalo é enfrontarse a el de xeito progresivo en situacións de dificultade crecente; por exemplo, ver a unha persoa da familia, despois a dúas, e despois a un pequeno grupo de amigos”, sinala.

Tamén resulta necesario analizar a veracidade dos pensamentos negativos asociados ao medo. “No caso do medo ao contaxio por relacionarse con outros, pensar que calquera interacción social é perigosa, non é real sempre e cando se cumpran as medidas de seguridade indicadas polas autoridades sanitarias”, explica o profesor de Psicoloxía. Neste senso, unha estratexia acaída pode consistir en “planificar pequenos incentivos ou premios por cada paso superado; por exemplo, comprarse un libro ou facer unha excursión na natureza”, apunta. “Neste caso estamos ante unha enfermidade real, polo que esta aproximación gradual debe facerse sendo coñecedor da información para previr o contaxio procedente de fontes oficiais, e cumprindo estritamente esas medidas de seguridade”, matiza Fernando Lino Vázquez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2020.