Festival Internacional de Teatro Universitario chega ao seu ecuador con dúas novas funcións
O XVII Festival Internacional de Teatro Universitario, que dende o luns 4 se celebra de xeito simultáneo no campus compostelán e lucense, chega ao seu ecuador. As compañías universitarias de Asturias serán as protagonistas dos espectáculos que se poderán ver este xoves 7 en Santiago e Lugo. Concretamente, en Compostela, ‘Tres sombreros de copa’, de Miguel Mihura será a protagonista da xornada. A Escuela Superior de Arte Contemporáneo de Asturias pon en escena esta obra, na que se rende homenaxe a todos eses artistas que percorrían o país no primeiro terzo do século XX e que hoxe desapareceron. Unha destas compañías é a que retrata Mihura en Tres sombreiros de copa, a compañía de Buby Barton, cunha dramaturxia na que nos podemos atopar números musicais que van dende o máis típico español ao que se supoñía que chegaba a través das películas musicais americanas coma o claqué ou cancións de vedette, entre outras. A representación comezará, como cada día, ás 21:00 horas no Salón Teatro. En Lugo, o grupo Maricastaña, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense representa ‘Leve, a nada entre as mans’, espectáculo baseado na obra Seda, de Alessandro Baricco. Os espectadores que desexen asistir a esta función contarán con servizo de autobús dende a Facultade de Formación do Profesorado, ás 19:45 horas; e ás 20:00 horas da Residencia Bal Y Gay. A entrada nos dous espectáculos, ao igual que en todas as obras que se van representar no XVII Festival Internacional de Teatro Unversitario ao longo de toda a semana, é de balde, pero será requisito previo retirar con antelación os billetes. En Santiago, o despacho do Salón Teatro estará aberto dende dúas horas antes do inicio da función; e en Lugo, o Auditorio Gustavo Freire, 30 minutos antes.