Ir o contido principal

O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC trae a Compostela compañías de España, Portugal e Lituania

O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC trae a Compostela compañías de España, Portugal e Lituania
O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC trae a Compostela compañías de España, Portugal e Lituania
A XVIII edición do ciclo terá lugar entre o 12 e o 17 de marzo

Un ano máis, e xa van dezaoito, o mes de marzo trae a Compostela o Festival Internacional de Teatro con traballos realizados por compañías procedentes de universidades, departamentos de artes escénicas e escolas superiores de arte dramática. Nesta ocasión grupos de España, Portugal e Lituania, ademais da Aula de Teatro da USC, presentarán as súas obras entre os días 12 e 17 de marzo ás 21.30 horas no Teatro Principal. A semana seguinte o festival trasladarase ao Campus de Lugo. Este ano o programa contén unha experiencia nova de portas abertas a compañías que aínda que xa non vinculadas á USC si formaron parte algún día da Aula de Teatro da USC e agora dan o seu primeiro paso profesional nas artes escénicas. As funcións destes grupos serán os días 15 e 17 na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño ás 20.00 horas. A programación presentárona este xoves en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o director da Aula de Teatro da USDC, Roberto Salgueiro, e o responsable da Área de Cultura, Pablo Sampedro. O cartel do festival, o máis antigo de todas as universidades españolas, conta nesta edición coa presenza da compañía da Aula de Teatro da USC; do grupo Teatrubi da Universidade portuguesa de Covilha; de Palépé Estudio Teatro da Universidade Técnica Vilniaus Gedimino (Lituania); e dos grupos teatrais das Universidades de Granada, Murcia e Barcelona. A entrada ás actuacións é de balde, pero é requisito o paso previo polo despacho de entradas, que estará aberto dende as 19:30 horas na sala Roberto Vidal Bolaño e dende unha hora antes no Teatro Principal. Obras A Aula de Teatro da Universidade de Santiago será a encargada de abrir esta edición o luns 12 de marzo coa representación da obra Comedia famosa do cabaleiro de Olmedo, escrita por Francisco de Monteser e editada en 1651 en Alcalá, con algunha edición respectuosa para a súa posta en escena. Trátase dunha peza que parodia a de Lope de Vega, El caballero de Olmedo, publicada dez anos antes. A compañía Teatrubi levará a escena o 13 de marzo a obra Mata-dor, de Rui Pires, a partir de A Casa do Incesto de Anaïs Nin. O día seguinte tocaralle a quenda á Aula de Teatro da Universidade de Barcelona co obra El año que conquistamos Europa, unha idea orixinal de Toni Galmés que parte da hipótese de que o home occidental se ve obrigado ar enunciar aos seus soños por culpa dunha sociedade materialista e politizada. Sapho, de Ovidio,é a proposta que trae o día 15 ao festival o grupo teatral de Lituania. Nunha adaptación de Olegas Kesminas, o espectáculo é unha composición escénica cargada de poesía e construído cunha dramaturxia moi visual sobre a vida da poetisa Sapho. A partir dos textos de Samuel Beckett Esperando a Godot, días felices e Final de partida, o grupo da Universidade de Granada presenta a peza Bcktt o venres, 16 de marzo. A aula da Universidade de Murcia pechará o festival o día 17 coa posta en escena da obra El caballero de Olmedo de Lope de Vega. A novidade desta produción teatral vén dada por unha realización baseada na conxunción de títeres e actores. Portas abertas O programa paralelo ‘(T) Portas Abertas’ inclúe o día 15 a peza de Sther Carrodeguas Fantasía Nº1 en mi menor publicado como dramaturxia imposible na revista Núa de artes escénicas en decembro de 2011. Xa os días 16 e 17 Tirita Producións porá en escena a peza Faraoas, de Roi Vidal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2012.