O Festival de Jazz de Lugo arrinca con dous concertos na sala do E=MC2
O Edificio Museo e Casa da Coñecemento (E=MC 2) foi escollido como lugar de apertura para os múltiples concertos da vixésima edición do Festival de Jazz de Lugo, que porá banda sonora á cidade do 11 ao 20 de novembro. Fernando Tarrés Quintet e Murajazz Big Band actuarán neste espazo universitario situado a carón do Pazo de Montenegro, sede da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, este xoves 11 e o venres 12 respectivamente. Ambos concertos serán gratuítos e darán comezo ás 20.00 horas. Fernando Tarrés Quintet Capitaneado polo arxentino Fernando Tarrés, o quinteto ofrece un estilo de difícil catalogación que mestura o tango, a música clásica contemporánea, a harmonía do jazz moderno e as melodías do folclore arxentino. Murajazz Big Band Trátase da nova formación que viu este ano a luz e que está composta por case unha vintena de músicos de toda a provincia de Lugo. Enfocándose como a primeira orquestra de jazz nesta área xeográfica dá cabida a un estilo marcado pola interesante variedade instrumental que só pode ofrecer unha big band. Festival de Jazz de Lugo O Festival de Jazz de Lugo é o máis antigo dos que se celebran en Galicia e ten lugar cada mes de novembro dende o ano 1991 organizado pola Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, un colectivo de lucenses amantes deste xénero e constituído como asociación. Nesta edición o certame forma parte do ciclo Galicia ao Vivo, dentro do Xacobeo 2010. Todos os concertos son de balde e desenvolveranse en distintos emprazamentos, ademais do espazo universitario do E=MC 2, como son o Círculo das Artes, o Auditorio da Fundación Caixa Galicia e o Club Clavicémbalo. O encontro dará cabida tanto a estrelas e primeiras figuras internacionais como a novos valores do jazz mundial e ao máis destacado do panorama estatal e galego.