Ir o contido principal

O Festival de Teatro bota o pano coa actriz Ana Esmith ‘Miss Beige’ como mestra de cerimonias do ‘Salón dos rexeitados’

Miss Beige, no centro, arroupada por participantes no 'Salón dos rexeitados'
Miss Beige, no centro, arroupada por participantes no 'Salón dos rexeitados'
A compañía de teatro USC-Lugo inicia en Santiago unha xira que permitirá á formación dirixida por Andrea González presentar a montaxe ‘Eréndira e Aríndere’ na Miteu de Ourense e de Vigo e no Festival Universitario de León
Lugo

O Festival de Teatro Universitario de Lugo bota o pano coa actriz Ana Esmith ‘Miss Beige’ como mestra de cerimonias do ‘Salón dos rexeitados’, logo dunha edición con ‘marcado carácter social e reivindicativo’, segundo puxeron de manifesto as temáticas das montaxes presentadas no auditorio Gustavo Freire polas distintas compañías que tomaron parte na última edición deste certame artístico organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, xestionado pola USC e que tamén recibe financiamento do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Logo dunha semana de representacións, a cargo das compañías USC-Lugo e USC-Santiago, Teatro El Mayal, da Universide de León, o Grupo Maricastaña, do Campus de Ourense, e a formación sénior ‘Vaites, Vaites’, integrada por alumnado do IV Ciclo da USC na sede universitaria luguesa, a polifacética actriz Miss Beige puxo o colofón a unha semana de efervescencia dramática como mestra de cerimonias do ‘Salón dos rexeitados’.

A compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Andrea González, inicia este martes no Festival de Teatro Universitario de Santiago unha xira artística que lle permitirá presentar a montaxe ‘Eréndira e Aríndere’ na Miteu de Ourense e de Vigo e no Festival Universitario de León, que este ano se desenvolverá na localidade de Ponferrada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2023.