O X Festival de Teatro Grecolatino, fai historia en Lugo
Máis de 4.500 estudantes de Secundaria e Bacharelato de 95 centros de ensino de Galicia e Castela e León asistiron ás representacións do décimo Festival de Teatro Grecolatino que esta semana se celebrou en Lugo e que bateu récords de participación.
Durante os tres días que durou o evento, os milleiros de alumnos e alumnas de institutos das catro provincias galegas, León, Zamora e Valladolid, puideron gozar das traxedias e comedias que o ‘Grupo Párodos’ do IES Siberia Extremeña e o ‘Grupo Parrocha-Herdeiros da Sardiña’ do IES Elviña da Coruña puxeron en escea sobre as táboas do Auditorio Gustavo Freire. En total representaron seis pezas clásicas, ‘Electra’, ‘Cásina’, ‘Asamblea de mujeres’, ‘Troyanas’ e ‘Gemelos’, que arrancaron os aplausos do público.
Un festival consolidadoOs coordinadores das actividades do Festival de Teatro Grecolatino en Lugo, organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos (SEEC), salientan o éxito acadado nesta edición e lembran que nos dez anos de celebración deste festival se permitiu xa a máis de 30.000 mozos e mozas achegarse ao teatro na capital luguesa, e a máis de 600.000 no conxunto das sedes españolas onde se desenvolve o certame. O balance final, cos datos deste ano académico, darase a coñecer na clausura nacional do festival que se desenvolverá en Lugo a finais do mes de maio.
O Festival de Teatro Grecolatino forma parte da rede de festivais xuvenís integrados na Federación Prósopon, á que tamén pertencen Mérida, Itálica, Sagunto, Baello Claudia, Tarragona, Illas Baleares, País Vasco, Clunia Sulpicia e Zaragoza.