O Festival de Teatro Universitario de Lugo alcanza a súa maioría de idade cunha atractiva e variada oferta escénica
O Festival de Teatro Universitario do campus de Lugo celebra á súa décimo oitava edición cun programa conformado por cinco obras que se representarán entre os días 22 e 27 de marzo no auditorio Gustavo Freire da capital lucense, onde tamén se poderá visitar unha exposición que recolle o traballo desenvolvido neste tempo.
O certame encádrase dentro da oferta do programa Lugo Cultural, no que participan a USC e o Concello e a Deputación de Lugo, e nesta edición abrangue propostas que van desde os grandes clásicos ás tendencias de vangarda, pasando polo teatro romano, as obras de denuncia social ou a adaptación desde a novela.
O luns 19 terá lugar ás 12.15 horas no salón de plenos do Concello de Lugo a rolda de prensa de presentación do festival, na que intervirán o vicerreitor de Planificación e coordinación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Antón Bao; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; e a directora da Compañía de Teatro da USC do Campus de Lugo, Paloma Lugilde.
O festival arranca o xoves 22 coa representación de Na túa cara. In yer face, da compañía de teatro da USC en Santiago, e inclúe tamén as actuacións da compañía de teatro da USC en Lugo, da agrupación Teselas, do grupo da Aula de Teatro Universitario de Ourense e da formación polaca Theatre Nie Ma.