O Festival de Teatro Universitario de Lugo chega á súa fin coa actuación da compañía polaca Theatre Nie Ma
A décimo oitava edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo chega á súa recta final tras cinco días de representacións, nos que se presentaron as máis variadas propostas escénicas, desde o teatro clásico as últimas tendencias da vangarda teatral. O certame péchase o martes 27 coa actuación da compañía polaca Theatre Nie Ma, procedente da universidade de Szczecin; a representación, en polaco, titúlase A very tragic comedy about the horrible deaths of Pyramus and Thisbe e inspírase na obra de William Shakespeare Soño dunha noite de verán. Con motivo da celebración dos dezaoito anos de existencia do certame, no mesmo auditorio Gustavo Freire onde se representan as obras pódese visitar tamén unha exposición na que se recolle o traballo desenvolvido desde 1993 a través dunha mostra con fotografías das producións teatrais representadas. A representación dará comezo ás 20.30 horas e é de entrada libre previo paso polo despacho de billetes, aberto desde as 20.00 horas. O certame forma parte do programa Lugo Cultural, no que a USC conta coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo.