O Festival de Teatro Universitario de Lugo presenta os traballos de alumnos lucenses da Escola Superior de Arte Dramática

Tras un descanso o sábado 24 para o intercambio de experiencias entre os grupos participantes, o Festival de Teatro Universitario de Lugo continúa o domingo 25 cunha novidosa proposta a partir dos traballos realizados por alumnos lucenses da Escola Superior de Arte Dramática de Madrid. Os organizadores do certame explican o obxectivo desta iniciativa: “Parécenos que pode ser unha vía moi interesante para o encontro e a creación, e permite ademais que a xente que se está formando fóra poida mostrar o seu traballo na súa cidade”. O domingo 25 presentaranse tres proxectos, agrupados baixo o título común de Teselas: Yo mujer, a partir da Medea de Eurípides, a cargo de Bárbara Rivas e Alba Fernández; Vacío, baseada na obra de Sarah Kane 4.48 Psicosis, das dúas estudantes citadas que presentan Yo mujer, ademais de Cris Sanz; e Negra sombra, de Juan Fórneas e Sara Pérez Fandiño, alumnos de primeiro de Musical da Escola Superior. Con motivo da celebración dos dezaoito anos de existencia do certame, no mesmo auditorio Gustavo Freire onde se representan as obras pódese visitar tamén unha exposición na que se recolle o traballo desenvolvido desde 1993 a través dunha mostra con fotografías das producións teatrais representadas. Teatro de denuncia A crítica social converteuse nun dos elementos recorrentes desta edición do festival, e desde a representación de Na túa cara. In yer face, que abriu o certame. Nesta mesma liña, o luns 26 preséntase Un novo mundo feliz, adaptación da coñecida novela de Aldous Huxley realizada polo grupo Mariacastaña de Sarabela Teatro, a compañía teatral universitaria Ourense. O grupo dirixido por Fernando Dacosta presenta “unha obra contundente, de advertencia e de distopía”na que se reflexiona sobre o control dos individuos e a perda da liberdade en favor dun dubidoso ben común O festival péchase o martes 27 coa actuación da compañía polaca Theatre Nie Ma, procedente da universidade de Szczecin; a representación, en inglés e polaco, titúlase The most lamentable comedy and most cruel death of Pyramus and Thisby e inspírase na obra de William Shakespeare Soño dunha noite de verán. Todas ás representacións do certame comezan ás 20.30 horas e son de entrada libre previo paso polo despacho de billetes, aberto desde as 20.00 horas. O certame forma parte do programa Lugo Cultural, no que a USC conta coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo.