‘Ficcións especulativas’ ou como imaxinar outros futuros posibles a través da arte, a ciencia ficción e o pensamento oracular

O histórico Salón Artesonado do Colexio de Fonseca acolle a exposición ‘Ficcións especulativas’, unha mostra colectiva que explora como os artistas contemporáneos utilizan a ciencia ficción, os soños e os oráculos como ferramentas para construír visións alternativas do mundo e do porvir. Propón deste xeito unha viaxe para transformar a incerteza do presente en pulo creativo.
A mostra, que inaugurou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, está comisariada por Aránzazu Pérez Indaverea, Guillermo Rodríguez Alonso, Abraham Cea Núñez e Federico L. Silvestre, e organizada pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura en colaboración co Instituto de Humanidades (IHUS) e o grupo Investigación e Desenvolvemento en Artes e Humanidades (IDEAHS).
Nun momento dominado por narrativas distópicas, "Ficcións especulativas" actúa como un contrapunto, reivindicando a imaxinación como un espazo de poder e resistencia. A mostra articúlase arredor de tres eixos conceptuais que serven de brúxula para o visitante: a "bolsa da ficción" da escritora Ursula K. Le Guin, que invita a crear relatos desde novas perspectivas; o marabilloso e os oráculos como ferramentas ancestrais para descifrar o futuro; e a hipótese científica entendida como un punto de partida creativo.
A exposición reúne obras dunha ducia de artistas nacionais e internacionais que habitan o espazo liminar entre a ciencia, a arte e a especulación. O proxecto defende que só narrando doutro xeito podemos ver doutras formas, presentando á propia arte como un laboratorio de futuros.
A mostra pode visitarse ata o 28 de febreiro de 2026, en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. O horario para ver a obra da Sancristía rematará cada día ás 20.00 horas.

