Ir o contido principal

A figura e o legado científico de Leonardo da Vinci, tema central dun encontro didáctico na Facultade de Ciencias de Lugo

Público asistente ao acto 'De Leonardo a nós', na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo
Público asistente ao acto 'De Leonardo a nós', na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo
Os asistentes aos relatorios tamén visitaron os laboratorios de varios centros da USC no campus lucense, no marco das da celebración do Día da Ciencia en Galego

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo foi a sede elixida para celebración do acto 'De Leonardo a nós', enmarcado nas actividades que se están a desenvolver nos campus de Santiago e Lugo con motivo da celebración do III Día da Ciencia en Galego. Segundo os seus organizadores, con este encontro "preténdese destacar, por medio de presentacións breves, o labor técnico e científico de Leonardo da Vinci e a súa influencia na ciencia moderna e contemporánea". A actividade estruturouse a partir dunha serie de comunicacións centradas no labor científico do xenio italiano: 'L eonardo: a representación gráfica das súas ideas' (Francisco Javier López, EPS), ' A anatomía de Leonardo e a actual: similares pero diferentes' (Matilde Lombardero, Veterinaria), ' Da Vinci: sobre luares cincentos e planetas afortunados' (Manuel Andrade, EPS); ' De como os autómatas de Leonardo da Vinci evolucionaron ata converterse en valiosos compañeiros robóticos' (Roberto Iglesias, Ciencias); 'Leonardo enxeñeiro: os seus deseños hidráulicos' (Montserrat Valcárcel, EPS). Arredor de 200 persoas (a maioría deles alumnos de secundaria de varios institutos da provincia de Lugo) asistiron ao encontro, no que tamén se levou a cabo a entrega dos Premios á calidade lingüística dos traballos académicos e de investigación convocados polas facultades de Ciencias e de Formación do Profesorado e pola Escola Politécnica Superior. Outras actividades en Lugo As actividades no Campus de Lugo, organizadas conxuntamente pola Escola Politécnica Superior e as Facultades de Veterinaria e Ciencias, completáronse con visitas guiadas a laboratorios de investigación de varios centros do campus: os tres centros organizadoras e o hospital Rof Codina. Ademais, na Biblioteca Intercentros do Campus permanece exposta a mostra biobibliográfica Os nosos Leonardos, sobre os inventores galegos Ramón Verea, Ángela Ruiz Robles e Alexandre de Fisterra; e a Facultade de Ciencias acolle unha mostra conmemorativa do bicentenario do nacemento de Antonio Casares da que é responsable a profesora deste centro Isabel Fernández. Ambas as exposicións poderán visitarse ata o próximo martes, día 13. Un dos relatorios da xornada, a cargo de Matilde Lombardero, da Facultade de Veterinaria

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2012.