Figuras científicas de primeira orde mundial participan na I Reunión Bienal do grupo de química biolóxica da Sociedade Española de Química

O profesor da Universidade de Cambridge (Reino Unido) Shankar Balasubramanian, coinventor da tecnoloxía de secuenciación do xenoma que permite a lectura de alta calidade de mil millóns de bases por varrido case sen errores, interveu este venres na primeira reunión bienal que a comunidade científica española de química biolóxica está a desenvolver na USC. Tamén participou o profesor Modesto Orozco, da Universidade de Barcelona, especialista na simulación por ordenador dos sistemas biolóxicos. O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC recibe estes días a máis de 140 expertos en química biolóxica, área de gran auxe mundial fronteira entre a química e a biomedicina que investiga os procesos biolóxicos desde unha perspectiva molecular i en base á utilización de técnicas e ferramentas químicas. O persoal investigador que traballa nesta área constituíu recentemente o Grupo de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química, cuxos primeiros presidente e tesoreira son José Luis Mascareñas e Concepción González Bello, docentes da USC e membros do CIQUS. O encontro remata este venres coa intervención do profesor alemán Oliver Seitz, da Humboldt de Berlín, que, xunto con Thomas Carell da Ludwig Maximilians de Múnic -que pronunciou o xoves a conferencia inaugural-, é líder mundial no campo dos ácidos nucleicos e da ciencia das proteínas. Entre as súas investigacións destaca o desenvolvemento de sistemas artificiais que permiten o estudo dos danos producidos no ADN, un proceso responsable do inicio do cancro e outras enfermidades. Esta reunión, organizada polos docentes Mascareñas, González Bello, Miguel Vázquez e Eugenio Vázquez, está financiada polo anterior Ministerio de Ciencia e Innovación, o Grupo Especializado de Química Biolóxica da RSEQ e a Real Sociedade Española de Química e conta co patrocinio das empresas Galchimia, Lilly, Cienytech, Fisher Scientific e Praxair.