Ir o contido principal

Filólogos e lingüistas reúnense en Santiago no XXXIX Simposio Internacional da Sociedad Española de Lingüística

Dende este luns e ata o xoves 4, filólogos e lingüistas de todo o mundo interesados nos máis dispares aspectos do estudo da linguaxe e das linguas danse cita na Universidade de Santiago no XXXIX Simposio Internacional da Sociedade Española de Lingüística (SEL).
O encontro inaugurouse este luns no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto no que participaron, entre outros, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela; a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o director xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o decano de Filoloxía, Ernesto González; a catedrática da USC e presidenta do comité organizador do encontro, Milagros Fernández; e no que o catedrático da USC e membro da Real Academia Española, Guillermo Rojo, pronunciou a conferencia inaugural ‘A frecuencia dos fenómenos sintácticos’.
Os catro días do simposio os expertos reuniranse na Facultade compostelá de Filoloxía para participar en paneis de investigación, nunha sesión monográfica sobre a Lingüística de Corpus, un curso de Lingüística Clínica ou nas preto de 200 comunicacións estruturadas en diversos bloques temáticos. Así, exporán traballos sobre análise do discurso, problemas de pragmática, gramática, historiografía da lingüística, ensinanza do español, linguaxe da prensa, fonética e fonoloxía, morfoloxía, fraseoloxía, lingüística e interacción, sintaxe, lingüística computacional, linguas clásicas, dicionarios, contacto de linguas, gramática histórica ou publicidade.
Pero no programa destacan, sen dúbida, as conferencias plenarias que seguirán a Guillermo Rojo e que correrán a cargo de Kees Hengeveld, da Universidade de Amsterdam, titulada ‘A Gramática discursivo funcional’; Jesús de la Villa, da Autónoma de Madrid, con ‘Estratexias lingüísticas: a expresión do tempo relativo en grego antigo’, e Pierre Swiggers, da Universidade Católica de Lovaina, sobre ‘Figuras(s) da gramática: apuntes para unha morfoloxía da lingüística’.
A Sociedade Española de Lingüística, fundada en 1970, é unha entidade científica que agrupa a estudosos que traballan en todos os dominios da linguaxe e das linguas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2010.