Filoloxía acolle este mércores o acto de entrega de premios da cuarta edición do Concurso literario Mazarelos
O Salón de Actos da Facultade de Filoloxía acollerá este mércores 12 a entrega dos premios da cuarta edición do Concurso literario Mazarelos, concedido este ano a Arancha Nogueira (1º premios) e a Xián Lois Alcayde (2º premio) e Benjamín Vidal, todos eles poetas.
O vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa, presidirá a sesión a partir das 19.00 horas na que tamén intervirán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, e a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso. Laura Lojo, Laura Camino e Francisco Dubert, docentes e membros do xurado nesta cuarta edición, farán unha breve valoración das obras premiadas e a seguir os premiados lerán cadanseu poema.
Unha novidade desta edición é a presenza na entrega de premios dos escritores Yolanda Castaño e Suso de Toro, que tamén exerceron como membros do xurado e que no mes de febreiro terán unha xuntanza de mentorización literaria aberta aos/ás galardoados/as de todas as edicións do concurso. O acto rematará coa actuación musical de Guille LP.