Ir o contido principal

Filoloxía conmemora o nacemento de Rosalía de Castro con conferencias, encontros musicais, recitais e obradoiros poéticos

Día(s) de Rosalía
Día(s) de Rosalía
As xornadas ‘Día(s) de Rosalía’ celébranse do martes 22 ao mércores 23 de febreiro na facultade e inclúen diversas actividades de acceso libre

A Universidade de Santiago de Compostela súmase ás homenaxes a Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento coas xornadas ‘Día(s) de Rosalía’, un programa de actividades arredor da poeta galega aberto á cidadanía.

A conferencia 'Desvendar a persoa e a obra de Rosalía de Castro', de Francisco Rodríguez, arrancará as sesións do martes ás 17.30 horas na Sala de Graos da Facultade de Filoloxía e a partir das 19 horas, o Salón de Actos do centro acollerá un encontro musical arredor da autora de Follas Novas no que tomarán parte Najla Shami, Uxía Senlle e Sérgio Tannus.

Xa o mércores 23, a xornada iniciarase ás 15.30 na Sala de Aulas B10 da man da poeta e editora Antía Otero co obradoiro de escrita 'O que gardan os obxectos'. Ás 18 horas, a Sala de Graos servirá de escenario ao relatorio 'Rosalía Castro e os lugares: “Orillas del Sar'", impartido polo profesor Fernando Cabo Aseguinolaza no marco do proxecto 'Cartografías do afecto e usos públicos da memoria: unha análise xeoespacial da obra de Rosalía de Castro' (FFI2017-82742-P). O peche da xornada, a partir das 19.30 horas, incluirá un recital de textos de Rosalía por parte do estudantado e un encontro musical con Xoán Rubia no Salón de actos.

As conferencias e encontros musicais son de entrada libre ata completar a capacidade das salas. Para tomar parte no obradoiro de escrita e no recital de textos de Rosalía, as persoas interesadas deben dirixirse a Daniel Durán Chapela no correo-e: daniel.duran.chapela [at] rai.usc.gal (daniel[dot]duran[dot]chapela[at]rai[dot]usc[dot]gal)

Actividades na Biblioteca de Filoloxía

A Biblioteca da Facultade tamén participa nesta homenaxe cunha exposición de libros sobre Rosalía de Castro que poderá ser visitada ao longo de toda a semana. As persoas que se acheguen recibirán ademais un marcapáxinas coa imaxe da autora como agasallo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2022.