Filoloxía organizará clases sobre literatura abertas a todo o alumnado da USC

Filoloxía organizará entre febreiro e abril un ciclo de clases abertas sobre literatura destinadas a todos o alumnado da USC. Cunha duración aproximada de dúas horas por sesión e carácter gratuíto, ofertarase a posibilidade de conectar o saber investigador do profesorado que as imparte (escritura literaria, crítica ou divulgación) cos intereses dun alumnado curioso pola escritura, a investigación e o coñecemento xeral no terreo literario.
Estas xornadas abertas celebraranse os días 13 e 22 de febreiro, 22 de marzo e 19 de abril. Dende unha vontade de pluralidade e intercambio mutuo, mesturaranse a exposición dun tema a través de textos ilustrativos cunha parte práctica que tentará dar ferramentas para desenvolver a creatividade.
As actividades comezarán o 13 de febreiro coa profesora Alba Cid, que ofrecerá unha sesión titulada ‘Why hold onto all that?: os riscos do “(post)confesional”’ na poesía contemporánea. Continuarase o 22 do mesmo mes coa profesora Manuela Palacios presentando o proxecto ‘Eco-Ficcións: Discursos emerxentes sobre muller e natureza en Galicia e Irlanda’.
A profesora María José Alonso, o 22 de marzo, reflexionará sobre ferramentas na compresión de Quevedo na sesión titulada ‘Quevedo ante a tradición amorosa e a disolución do petrarquismo europeo’ . Por último, o 19 de abril o profesor Víctor Millet debuxará unha curiosa visión da literatura medieval coa clase ‘Clásicos dende o ximnasio / Classics in the gym. Unha ollada irreverente á literatura medieval’. Esta iniciativa, como explica dende a propia facultade resultará unha oportunidade única para gozar de perspectivas e metodoloxías pouco aplicadas nas aulas e abrir desde as paredes deste centro unha nova fiestra cara ao mundo.