Ir o contido principal

Físicos composteláns publican en Physical Review Letters un experimento pioneiro arredor da reacción química de Belousov-Zhabotinsky

Detalle das estruturas obtidas nos experimentos a unha escala entre 10 e 50 veces maior que es estruturas equivalentes en sistemas sen turbulencia
Detalle das estruturas obtidas nos experimentos a unha escala entre 10 e 50 veces maior que es estruturas equivalentes en sistemas sen turbulencia

Na natureza é posible atopar patróns, de carácter espacial, por exemplo nas ás dunha bolboreta; temporais, como os do ritmo diúrno; ou espazo-temporais, como os patróns ondulados na area cando a marea está baixando. Os patróns teñen características ben definidas e moi chamativas e reflicten unha forma de autoorganización xerada en sistemas complexos cando estes están fóra do equilibrio. Un dos sistemas complexos que se estuda moi a miúdo no laboratorio é a reacción química de Belousov-Zhabotinsky (BZ). Fíxose famosa no século XX porque permite ver claramente ondas macroscópicas con forma de targets e espirais en vermello e azul, o mesmo tipo de ondas que aparecen en sistemas tan complexos e importantes como o músculo cardíaco. Un grupo de investigadores do grupo de Física Non Lineal da USC, coordinado por Alberto Pérez Muñuzuri, observaron experimentalmente por vez primeira unhas ondas targets e espirais aumentadas 50 veces en escala. A súa experiencia está recollida nun artigo publicado na prestixiosa revista Physical Review Letters que estuda a reacción BZ nun fluxo de fluído turbulento, “o que aumenta a eficacia e a rapidez da mestura”, explican os investigadores. Co título Measurement of large spiral and target waves in chemical reaction-diffusion-advection systems: Turbulent diffusion enhances pattern formation, no artigo comprobaron ademais que a importante relación FKPP, que describe a velocidade das ondas segue sendo válida. En opinión dos investigadores, a comprensión do efecto do fluxo de fluído sobre un sistema complexo, como a reacción BZ no laboratorio, pode formar a base para entender outros sistemas naturais de grande interese e influencia, como por exemplo a existencia e ocorrencia de florecemento de plancto no océano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2013.