Físicos da USC destacan nos premios de divulgación científica que concede o Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear
O profesor da USC José Edelstein e o estudante de doutoramento da USC Xabier Cid Vidal viaxan hoxe a Barcelona para recoller este venres os premios que concede o Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) no seu segundo concurso de divulgación científica. Das cinco categorías do concurso, a USC acadou premios en dúas. A máis notable, a referida á modalidade Traballos publicados en medios de comunicación que gañaron, por unanimidade, o profesor José Edelstein e o vicerreitor de Investigación e Doutoramento da Universidade Andrés Bello (Chile), Andrés Gomberoff, polo traballo conxunto titulado ‘Ópera del neutrino en dos actos’ publicado no semanario Qué pasa. O artigo cuestiona o anuncio realizado polos científicos do experimento Opera acerca de algo que, de comprobarse, suporía unha verdadeira revolución científica como é a observación de partículas que viaxaron a unha velocidade maior que a luz. A concesión do galardón cobra se cabe maior relevancia ao quedar deserto o accésit nesta convocatoria e por ser ademais a segunda vez que estes profesores se fan co galardón (o pasado ano polo traballo ‘Antimateria, magia y poesía’ publicada na mesma revista). Categoría webs e blogs O físico Xabier Cid Vidal, doutorando en Física de Partículas da USC, acadou por maioría o accésit na categoría ‘Webs e/ou Blogs’ polo sitio web ‘Acercándonos al LHC’ cuxa autoría comparte co profesor de ensinanza secundaria no IES compostelán de Sar e profesor asociados no Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da USC, Ramón Cid Manzano. O web premiado ten como propósito profundar no acelerador LHC e ofrecer algúns cálculos físicos relativos aos fenómenos que teñen lugar nun acelerador de partículas.