O que foi deputado nacional en Colombia Óscar Tulio Lizcano defendeu na USC a súa tese sobre Paul Ricoeur
Conflicto, perdón y reconciliación en Paul Ricoeur. Principios filosóficos para una hermenéutica de la paz en Colombia é o título da tese de doutoramento que defendeu este venres na facultade compostelá de Filosofía Óscar Tulio Lizcano González (Caldas, Colombia, 1947), baixo a dirección do catedrático Marcelino Agís Villaverde.
Na tese, o auto busca analizar, a partir da obra do filósofo francés Paul Ricoeur, as causas do conflito armando colombiano, defendendo unha hermenéutica da paz en Colombia a través do perdón como base para a reconciliación nacional. Lizcano escolleu o programa de Doutoramento en Filosofía da USC para traballar cun dos especialistas no pensamento de Paul Ricoeur.
Óscar Tulio Lizcano estivo 9 anos secuestrado polas FARC na selva colombiana (2000-2008), na época na que tamén estivo Dna. Ingrid Betancourt. A historia do seu secuestro está contada no seu libro Años de Silencio (Ed. Planeta, 2009). Tras lograr fuxir, xunto cun dos seus captores, retomou a súa vida en Medellín, sendo elixido deputado nacional e presidindo a Comisión de Paz do Congreso.
O tribunal da tese estivo presidido por Agustín Domingo Moratalla, da Universidade de Valencia, e composto ademais por Beatriz Fernández Herrero, da USC, e Luis Fernando Bravo León, da Universidade Sto Tomás, Bogotá (Colombia). Ao remate, o xa doutor e o seu director de tese serán recibidos pola Vicerreitora de Internacionalización, María José López Couso.