Ir o contido principal

Fondo pesar polo falecemento de Antonio Eiras Roel

A Universidade de Santiago quere manifestar o seu fondo pesar polo falecemento este xoves do seu catedrático xubilado de Historia Moderna Antonio Eiras Roel. Nomeadamente, o Departamento de Historia da USC quere sumarse ás mostras de condolencia polo pasamento de quen “ao longo de décadas, dende a súa cátedra de Historia Moderna, promoveu unha importante renovación metodolóxica da investigación histórica nos ámbitos que foron obxecto dos seus estudos, contribuíu á formación de varias xeracións de historiadores que pasaron polas súas aulas, dirixiu numerosas teses de doutoramento e foi mestre na formación de novos profesores universitarios, hoxe integrados en boa parte no actual Departamento”.

Cronista de Galicia, Eiras Roel foi o primeiro presidente da Fundación Española de Historia Moderna, presidente tamén da Comisión Internacional de Demografía Histórica e correspondente da Real Academia de Historia. No seu haber conta, entre numerosos recoñecementos, co premio López Ferreiro de Investigación e a Medalla Castelao.

Cando Eiras Roel se xubilou, a comezos da pasada década, compañeiros seus da Facultade compostelá editaron o libro Universitas. Homenaje a Antonio Eiras Roel, que coordinaron os profesores de Historia Moderna Camilo Fernández Cortizo, Domingo L. González Lopo e Enrique Martínez Rodríguez. No acto de presentación da obra salientaron a proxección universal do homenaxeado, o seu papel de formador de novas xeracións de historiadores e a súa capacidade por conxugar permanentemente a perspectiva docente e investigadora, o que o definía como unha persoa preocupada pola renovación de historia como proceso continuo e social.

O valor da obra do profesor Eiras Roel, considerado como unha autoridade entre os investigadores europeos dedicados ao estudio do Antigo Réxime, radica no seu carácter analítico, orixinal e de innovación metodolóxica con resultados novidosos para o coñecemento de aspectos fundamentais da Historia Moderna, e en particular da Historia Moderna de Galicia á que, desde unha perspectiva comparatista, consagrou os principais esforzos, desenvolvendo diversas liñas de investigación como a teoría e metodoloxía da Historia, a Historia social, a Historia rural, a Historia económica, a Demografía histórica e a Historia institucional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2017.