Ir o contido principal

Fondo pesar polo pasamento do profesor Francisco Javier Benavente Martínez

Francisco Javier Benavente foi investigador do CiQUS. FOTO: Santi Alvite
Francisco Javier Benavente foi investigador do CiQUS. FOTO: Santi Alvite
Formou o Grupo de Investigación de Viroloxía Molecular na Facultade de Farmacia para estudar a bioloxía molecular dos reovirus aviarios e os mecanismos que regulan a interacción destes virus coa célula hóspede
Santiago de Compostela

A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento do que fora catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Francisco Javier Benavente Martínez, e súmase á dor da súa familia e amizades. O profesor Benavente naceu en Silleda (Pontevedra) en 1951 e estudou a licenciatura de Química na USC, entre os anos 1969 e 1973. A súa tese de doutoramento titulouse ‘Síntesis de análogos de la hormona juvenil de insectos a partir del epóxido de alfa-pineno”, defendida en 1980.

Entre 1980 e 1983 realizou una estadía post-doutoral no laboratorio de Mariano Esteban no Downstate Medical Center de Brooklyn, onde estudou os mecanismos de resistencia do virus vaccinia fronte a actividade antiviral de interferóns e prostaglandinas. Posteriormente, desprazouse como investigador visitante ao Instituto Roche de Bioloxía Molecular (Nutley, New Jersey; 1985-86) e despois ao Centro para o Avance da Biotecnoloxía e Medicina (CABM, Piscataway, New Jersey, 1987-88), onde investigou a regulación da expresión xénica dos reovirus.

A continuación, reincorporouse á USC, onde formou o Grupo de Investigación de Viroloxía Molecular na Facultade de Farmacia para estudar a bioloxía molecular dos reovirus aviarios e os mecanismos que regulan a interacción destes virus coa célula hóspede. Javier Benavente realizou toda a súa carreira docente na USC, onde foi nomeado profesor titular en 1985 e catedrático do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC en 2002. Impartiu docencia na Facultade de Química e nos mestrados de Biotecnoloxía e de Biomedicina. Pertenceu ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2023.