Ir o contido principal

Os fondos da USC reciben a doazón dunha obra de Antón Lamazares

Lamazares e Barro saúndanse diante de dúas das pezas do tríptico
Lamazares e Barro saúndanse diante de dúas das pezas do tríptico

O pintor Antón Lamazares cedeu oficialmente este venres 26 unha das súas obras á Universidade de Santiago, nun acto celebrado na Igrexa da Universidade no que interviñeron o propio artista e do reitor Senén Barro asinaron o documento de cesión. Trátase da obra Das sete yemas, un tríptico realizado polo autor lalinense en 2008, con técnica mixta sobre cartón, cunhas dimensións de 120 por 120 centímetros por cada unha das pezas.
O artista únese deste xeito ao conxunto de persoas que “nos últimos 515 anos de historia da USC foron xenerosos e pensaron que a Universidade podía ser o mellor destino da súa obra”, dixo o reitor compostelán en agradecemento a un xesto que considera “nobre e amigo”. Considera Barro que o Antón Lamazares é un verdadeiro amigo co que vai contar sempre e “dos que a USC non pode prescindir”.
No mesmo acto, celebrado na Igrexa da Universidade onde ao longo das últimas semanas se podía visitar a mostra pictórica ‘Lume na fonte. Antón Lamazares na Domus Nai’, o artista subliñou sentir unha grande honra por atoparse na USC. A Universidade, engadiu, “representa na sociedade a excelencia e a súa busca”.
Das sete yemas é unha peza que se integra no estilo da serie exhibida en ‘Lume na fonte. Antón Lamazares na Domus Nai’, un conxunto pictórico de 67 obras creadas en Berlín entre 2007 e 2009 algunhas delas da serie ‘Fai frío no lume’, unha homenaxe ao seu pai falecido pero tamén á outra forma de vida que é a morte, e da súas Domus, cadros recortados en forma de casa ou que as representan.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2010.