Fonseca acolle o acto de benvida a estudantes estranxeiros

O reitor Juan Viaño presidirá este xoves 11 o acto de benvida aos estudantes estranxeiros, tanto Erasmus como doutros programas de mobilidade internacional, que este curso se incorporan ás aulas da Universidade de Santiago. A sesión comezará ás 16.30 horas no Colexio de Fonseca e inclúe unha degustación gastronómica e actividades lúdico-deportivas. O maior volume de alumnado estranxeiro na USC para este curso concéntrase arredor do programa Erasmus, programas bilaterais de intercambio, do Programa de Atención a Estudantes Extranxeiro e de Erasmus Mundus. Concretamente de Erasmus, inician estudos este curso na USC máis de 300 estudantes procedentes de Alemaña (57 alumnos/as), Austria (9), Dinamarca (1), Eslovaquia (2), Finlandia (2), Francia (31), Grecia (1), Hungría (3), Irlanda (1), Islandia (1), Italia (113), Lituania (4), Polonia (36), Portugal (15), Reino Unido (22), República Checa (8), Romanía (1), Suecia (1), Suíza (1) e Turquía (11). Procedentes de programas bilaterias de intercambio, no inicio deste curso na USC contabilízanse máis de 250 estudantes procedentes de México (108), Brasil (61), China (15), Arxentina (12), Perú (11), Chile (10), Colombia (6), Estados Unidos (5), Corea (5), Uruguai (4), Rusia (3), Venezuela (3) e Vietnam (3). Ademais, a estes súmase unha representación de alumnado de Alxeria, Xeorxia, India, Indonesia, Xordania, Líbano, Marrocos, Palestina, Siria, Túnez ou Ucraína que se incorporan ás aulas da institución compostela a través do programas Erasmus Mundus. Ao abeiro do Programa de Atención a Estudantes Estranxeiros a USC suma neste curso 110 estudantes chineses que cursarán estudos de grao e outros catro de máster. No acto, o reitor estivo acompañado polo vicerreitor de Internacionalización Carlos Salgado. Foto: Santi Alvite Na xornada participou unha numerosa representación de alumnado de diversos continentes. Foto: Santi Alvite