A formación en ‘big data’ e Intelixencia Artificial recibe un novo pulo grazas ao acordo entre USC e IndesIA

USC e IndesIA, a asociación para o impulso da economía do dato e a intelixencia artificial na industria, asinaron este luns 10 un acordo de colaboración que busca promover a formación de profesionais en materias relacionadas con big data e a Intelixencia Artificial (IA). Deste xeito, impulsarase a formación en novas tecnoloxías do estudantado, a través da realización de diversas actividades como cursos, seminarios ou programas formativos, así como a participación das empresas asociadas de IndesIA para a realización e presentación de casos de uso dentro dos programas desenvolvidos ao abeiro do acordo.
O reitor Antonio López e o presidente de IndesIA, Valero Marín Sastrón, asinaron o acordo no marco dunha xuntanza na que tamén participaron a secretaria xeral, Dulce María García Mella; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; o vicepresidente de IndesIA, Donato Martínez; o tesoureiro, Pablo de la Puente; e a directora xeral da asociación, Nuria Ávalos Villamor.
En relación a este acordo, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, afirmou que “a unión fortalece a nosa capacidade para avanzar e para facelo de forma máis eficiente. Sobre a base da cooperación poderemos coñecer de primeira man as necesidades da industria nun campo que se atopa na actualidade en plena ebulición e desenvolvemento. Ao mesmo tempo, os nosos socios industriais poderán ter tamén unha perspectiva realista e precisa do noso potencial e das nosas particularidades”. Na súa opinión, trátase dunha colaboración de especial transcendencia por fixar unha confluencia que “sen dúbida, terá como beneficiario o noso alumnado e por extensión a sociedade: a existencia de comunicación estreita entre industria e universidades axudará a fornecer as sinerxías necesarias que retroalimenten a razón de ser de cada unha das partes”.
Neste sentido, dende a asociación, subliñaron que “impulsar a formación en big data e a Intelixencia Artificial mediante a colaboración con centros educativos, é unha das prioridades de IndesIA atendendo a un dobre motivo. Por unha banda, á necesidade de contar con cada vez máis talento experto que poida poñer en marcha proxectos destinados a modernizar e facer máis eficiente a actividade industrial. E por outro, porque nos permite asegurarnos de que empresas e centros educativos esteamos aliñados entre a formación que se imparte e a capacitación dos profesionais que as organizacións demandan”.
Formación
No documento, a institución compostelá comprométese a acometer a dirección e execución académica así como o deseño das actividades formativas dentro dos programas da área de big data, e a administración dos devanditos programas, a xestión do profesorado e a selección do alumnado, xunto coa posta a disposición da infraestrutura e o equipamento para o desenvolvemento das actividades, entre outros aspectos.
Pola súa parte, a asociación realizará a valoración dos programas da USC para a obtención do Selo IndesIA dos programas en aberto sobre big data, e achegará persoas relatoras convidadas aos programas, así como casos de uso das empresas asociadas. Tamén brindará asesoramento en materia de plans de estudo, actividades e proxectos de investigación conxunta, creación de Cátedras e Aulas en materia de IA e do dato, prácticas académicas externas, participación en Feiras de Emprego universitarias, en mesas redondas, ou titorización de TFG e TFM, entre outros.