A formación Fía Na Roca presentou o seu novo álbum na Residencia Universitaria Bal y Gay
A Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay de Lugo acolleu este venres 29 a presentación do quinto álbum do grupo Fía Na Roca que leva por título ‘Vente vindo’, editado tras catro anos dende a publicación do seu anterior traballo ‘Dez anos ao vivo', que conmemoraba o décimo aniversario da formación. O novos disco contén catorce temas nos que a presenza vocal de Sonia Lebedynski adquire un maior protagonismo respecto a anteriores traballos de Fía na roca.
‘Vente Vindo’ é “unha invitación, unha chiscada de ollo, unha chamada cara ao ouvinte para animalo a coñecer de preto a música dun grupo que segue a apostar por novos camiños na súa particular viaxe de renovación do folk galego”, apunta a formación. Ademais, coa edición deste novo álbum o grupo “reinvéntase sen renunciar aos principios orixinarios do grupo, facer música actual partindo da tradicional, amosar que é posible ser modernos sendo eles mesmos”.
Este traballo significa un cambio importante na traxectoria da banda, xa que presenta por primeira vez unha maioría de pezas cantadas, todas elas en galego, e baseadas principalmente nas fontes tradicionais das que segue a beber. Neste senso, engádense dous poemas de escritores galegos, un de Rosalia de Castro, chamado Eu cantar, cantei, e outro Casa ou sombra de Rafa Villar.
Fía Na Roca adoita recuperar na súa discografía pezas de autores musicais esquecidos e, ao igual que fixeran no seu momento con As lixeiras anduriñas do autor lugués Xoán Montes no seu disco ‘Contravento’, nesta ocasión realiza unha versión de Fray Antonio Martín y Coll en Diferenzias, unha peza composta fai case 300 anos.