Ir o contido principal

Formación do Profesorado celebra este xoves unha xornada de acollida aos alumnos de primeiro dos graos de Infantil e Primaria

A Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo celebrará este xoves, a partir das 10.00 horas, unha xornada de acollida aos estudantes matriculados no primeiro curso dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria.

Esta xornada de benvida permitirá que o equipo decanal, así como os coordinadores dos respectivos cursos e todo o profesado do centro que queira participar, acheguen aos novos universitarios unha visión xenérica sobre o funcionamento e os servizos da propia facultade, así como sobre cuestións máis ligadas ao eido académico, tales como a disposición dun campus virtual de apoio á docencia presencial ou os requisitos mínimos para a permanencia na Universidade de Santiago. O decano da Facultade de Formación de Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, sinalou que o centro acordou adiantar esta xornada de benvida á inauguración oficial do curso 2013-14 para non ter que reducir o período de docencia e non perder ningunha hora de clase. Respecto da evolución da matrícula, Rodríguez Lestegás destacou a elevada demanda que conservan entre os estudantes os graos en Educación Infantil e Educación Primaria. Cada unha destas titulacións ofrece un total de 90 prazas para novos estudantes de primeiro curso e, cando vén de abrir o terceiro prazo de matrícula, xa case están cubertas na súa totalidade. Rodríguez Lestegás apuntou neste senso que os graos de Educación Infantil e de Educación Primaria xa teñen rexistradas unhas 75 persoas matriculadas en cada caso. O interese que espertan estes dous títulos é moi parello e, dadas as estatísticas, os dous graos poderían estar pechados xa antes incluso de que se celebre a convocatoria de setembro da selectividade, dixo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2013.