Ir o contido principal

Formación de Profesorado reivindica a lectura cunha xornada da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil polos seus 25 anos

Castro, Lestegás e Pena, na inauguración da xornada en Formación de Profesorado
Castro, Lestegás e Pena, na inauguración da xornada en Formación de Profesorado
A profesora da USC Montse Pena reivindica a necesidade de recuperar a singularidade da lectura como un instrumento ou elemento de ocio

A Facultade de Formación de Profesorado de Lugo reivindica a importancia da lectura como elemento básico do proceso educativo e de formación no marco dunha xornada promovida pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil co gallo da celebración do primeiro cuarto de século da súa constitución, e na que participaron estudantes e docentes do centro universitario lugués, así como editores, autores e, entre outros, ilustradores.

O decano da Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo da USC, Francisco Rodríguez Lestegás, foi o encargado de inaugurar e dar a benvida ás persoas participantes neste foro no marco dun acto no que tamén interviron o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), Francisco Castro, e a profesora da USC e coordinadora d xornada, Montse Pena Presas. Castro reivindicou na súa intervención a importancia da lectura no proceso de formación das persoas, ao tempo que fixo un alegato a prol da figura e do cometido que desenvolven os ensinantes como transmisores de coñecementos pero, sobre todo, no que atinxe ao proceso de formación de persoas, no que a aprendizaxe da lectura e da escritura é fundamental, dixo. A profesora Montse Pena subliñou que, entre os cometidos destas xornadas, cómpre destacar o da recuperación da singularidade da lectura como elemento de lecer no mundo hipertecnolóxico no que vivimos. Montse Pena Presas, xunto coas escritoras Concha Blanco e Ledicia Costas, foi a encargada de guiar a primeira das mesas de traballo e debate da xornada e na que se abordou a evolución experimentada pola literatura infantil e xuvenil galega nos últimos 25 anos. Ao remate desta sesión, as profesoras Marilar Aleixandre e Ana Luna, así como o escritor Xabier Docampo trataron o proceso de internacionalización da literatura infantil e xuvenil galega. As novas fórmulas e propostas de edición, a ilustración e os procesos de creación e construción de lectores centraron os eixes temáticos do resto das táboas redondas celebradas no marco desta xornada organizada e promovida por Gálix na Facultade de Formación de Profesorado de Lugo. Asistetnes ás xorandas a prol da lectura promovidas por Gádix

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2014.