Ir o contido principal

Formación, sensibilización e investigación, pezas chave na loita contra a violencia machista

Alumnado da USC na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite
Alumnado da USC na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite
O reitor tomou parte este mércores nun acto que serviu para poñer en valor as medidas e accións que desenvolve a USC no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Formación, sensibilización e investigación conforman tres eidos cruciais nos que a USC, a través da actividade desenvolvida pola súa Oficina de Igualdade de Xénero, entre outros servizos, contribúe a loitar contra a violencia machista. Así se puxo de manifesto no acto institucional que este mércores serviu para valorar publicamente o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero executado polas tres universidades galegas ao longo do pasado ano.

Reforzar e ampliar en materia de educación, os valores igualitarios; incluír en todas as etapas educativas, a prevención da violencia de xénero, do machismo e das condutas violentas; dar formación á mocidade sobre o uso axeitado e crítico de internet e as novas tecnoloxías; ou deseñar programas de prevención, detección e protocolos especializados, son algunhas das medidas que vertebraron as accións executas pola USC en materia de formación e sensibilización ao longo do ano 2019.

No relativo á investigación, a USC ten afondado a través de diversos proxectos en materias como a percepción da prostitución por parte dos adolescentes; os e as menores vítimas da violencia machista; como afecta este tipo de violencia ás mulleres maiores de 65 anos; o diagnóstico do acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero na USC; ou a prevalencia da violencia sexual, correlatos e psicopatoloxía asociada en universitarias.

Alén do reitor da USC, Antonio López, tomaron parte no acto celebrado no Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, a conselleira de Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana Somoza; Susana López Abella, secretaria Xeral da Igualdade; así como os reitores da USC, Julio Abalde; e da UVigo, Manuel Reigosa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2020.