Ir o contido principal

Un foro aborda os desafíos cos que se enfronta a xestión de proxectos en Asia Central por mor da COVID-19

A USC ten un interese especial neste tipo de encontros dado o seu papel como líder de tres proxectos de desenvolvemento de capacidade en Asia Central. FOTO: Santi Alvite
A USC ten un interese especial neste tipo de encontros dado o seu papel como líder de tres proxectos de desenvolvemento de capacidade en Asia Central. FOTO: Santi Alvite
A sesión permitiu facer balance das diferentes estratexias e prácticas de xestión necesarias para afrontar as novas circunstancias
Santiago de Compostela

A USC acaba de participar na reunión rexional de grupos temáticos sobre o impacto dos proxectos de educación superior para o desenvolvemento de capacidades Erasmus + en Asia Central. O obxectivo principal desta reunión na que tomaron parte as universidades europeas implicadas nestes proxectos cos seus socios locais, era o de debater os desafíos que enfronta a xestión de proxectos durante a pandemia da COVID-19.

A USC ten un interese especial neste tipo de encontros dado o seu papel como líder de tres proxectos de desenvolvemento de capacidade en Asia Central. O proxecto Class (Development  of  the  Interdisciplinary  Master  Program  on  Computational  Linguistics  at Central  Asian  Universities) conta cun cofinanciamento do programa Erasmus + de 761.450 euros e ten como obxectivo desenvolver as capacidades das universidades de  Kazajstán e Usbequistán á hora de mellorar o acceso á educación superior con cursos combinados no programa de Máster en lingüística  computacional para estudantes con experiencia en lingüística e ciencias  computacionais. Neste proxecto, participa tamén a UDC xunto con universidades de Grecia, Portugal, Polonia,  Kazajstán e Usbequistán.

O proxecto Elba (Establishment  of  Training  and  Research Centres  and  Courses  Development  on  Intelligent  BigData  Analysis  in CA) dotado con  994.968 euros, céntrase en mellorar a capacitación e formación de investigadores asiáticos no ámbito da análise de Big Data. O obxectivo do proxecto é profundar no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras no campo da Intelixencia Artificial (IA) que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos. A proposta de Elba inclúe a formación de 80 profesores de Asia Central mediante mobilidades organizadas en tres universidades europeas (USC–España,  POLITO–Italia e  Primorska–Eslovenia), ademais da formación que van impartir profesores das devanditas universidades en Usbequistán,  Kazajstán, Tadxiquistán e Kirguizistán. Coa participación do CESGA como asesor técnico, unha cuarta parte do financiamento deste proxecto está destinado a crear e equipar centros de Big Data nas dez universidades socias de Asia Central.

Finalmente, o proxecto  MIETC (Development  of a  Master  Programme  in  the  Management  of Industrial  Entrepreneurship  for  Transition  Countries), coa USC como coordinadora, ten como obxectivo desenvolver a capacidade académica e de xestión dos países socios para executar un programa de Master actualizado en Economía Industrial que contribuirá ao desenvolvemento rexional e a situación socioeconómica das rexións industriais en tres países beneficiarios do proxecto en Asia Central. Cun orzamento inicial de 807.014 euros procedente do programa Erasmus +, o proxecto  MIETC desenvolverá durante tres anos múltiples tarefas de formación, programas e plans de estudos, centros e salas de conferencias equipadas, alén da difusión dos resultados e logros do proxecto, a experiencia adquirida polos socios, e o establecemento da colaboración entre socios para mellorar o potencial científico e o desenvolvemento profesional. Os países beneficiarios deste proxecto son  Kazajstán, Tadxiquistán e Turcomenistán.

Ademais dos proxectos de desenvolvemento de capacidade, a USC lidera e participa en noutros proxectos de mobilidade ICM-KA107 e de colaboración científica e de investigación con socios de Asia Central.

O evento levouse a cabo de forma telemática e foi organizado pola Oficina Nacional Erasmus + (NEO) de Usbequistán en colaboración coa Education, Audiovisual  and  Culture  Executive  Agency -  EACEA, a Comisión Europea e as Oficinas Nacionais Erasmus + de  Kazajstán, Kirguizistán, Tadxiquistán e Turcomenistán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2020.