Un foro aborda o vínculo entre a Universidade e as persoas maiores

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniores (FEGAUS) impulsa os Diálogos universidade/maiores no século XXI coa vontade de coñecer as necesidades e os retos que hai que afrontar para atender as persoas maiores na actualidade. O reitor Antonio López interveu na sesión inaugural xunto coa conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez. O presidente de FEGAUS, Alejandro Otero, e a presidenta de Confederación Estatal de Asociacións e Federacións de Alumnos e Exalumnos dos Programas Universitarios de Maiores (CAUMAS), Marina Troncoso, tamén participaron no acto de apertura.
Ao longo deste venres 11, a Cidade da Cultura acolle unha serie de relatorios e debates que xiran en torno a cuestións como o envellecemento saudable, a Unión Europea e o colectivo de maiores, ou o seu vínculo coa Universidade, entre outras cuestións. “As xeracións de maiores do século XXI demandan un novo concepto de xubilación, considerado como unha situación administrativa, na que os proxectos de vida continúen coa finalidade de realizar actividades de aprendizaxe, fortalecemento de competencias, gozar dun lecer satisfactorio; cunha vida activa e participativa no ámbito social, político, ou familiar”, sinalan dende a organización do evento.
A Universidade, no seu compromiso social, está obrigada a ofrecer a posibilidade de impartir unha "formación permanente" ás persoas maiores que o soliciten, independentemente do lugar onde residan, utilizando todos os medios tecnolóxicos dispoñibles na actualidade e os que se porán en marcha nun futuro próximo.