Ir o contido principal

Un foro científico debate na Escola Politécnica sobre actuacións de restauración e plantacións de produción

Asistentes á reunión científica na Escola Politécnica Superior de Lugo
Asistentes á reunión científica na Escola Politécnica Superior de Lugo

A reunión científica ‘Actuacións de restauración e plantacións de produción: técnicas aplicables’ , organizada polo grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da USC, a Sociedade Española de Certificación Forestal (SECF) e a Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET), colaboración da Society for Ecological Restoration (SER) e a Sociedade Iberoamericana e do Caribe de Restauración Ecolóxica (SIACRE), reúne este xoves e venres na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo preto de 60 participantes, procedentes de diversas universidades e centros de investigación españois, que presentarán seis comunicacións invitadas, vinte e catro comunicacións voluntarias e dezaoito pósteres.

O presidente do comité organizador desta reunión científica, o catedrático da USC Roque Rodríguez Soalleiro; o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta, e a profesora da Universidade de Valladolid Carolina Martínez Ruiz, en representación da AEET, inauguraron este xoves a reunión científica no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Estruturada en oito sesións, que se desenvolverán no salón de actos e na sala de xuntas da EPS, os distintos relatores participantes nesta reunión científica tratan cuestións ligadas ás áreas de restauración prioritarias, repoboacións produtoras e participación social en restauración, fertilización e nutrición, financiamento e políticas, selección de especies e materiais xenéticos, mimetización de bosques ou restauración de escombreiras e tecnosuelos. O relatorio inaugural deste foro científico correu a cargo do investigador do Centro de Investigación Forestal de Lourizán Jose A. Vega Hidalgo, mentres que o investigador da USC Felipe Macías será o encargado do relatorio de clausura. A primeira xornada deste foro contempla asemade a celebración dunha sesión organizada polo doutor Jordi Cortina Segarra, da Universidade de Alacante, para estudar a proposta de crear unha Plataforma de Restauración Ecolóxica. As persoas inscritas nesta reunión científica poderán realizar este venres saídas de campo ás Minas de Touro, onde terán a ocasión de ver procesos de restauración, ou aos montes veciñais en man común de Ludrio, Viladonga e Ansemar, no concello de Castro de Rei.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2015.