Ir o contido principal

Un foro de emprego achega a estudantes e egresados da EPS de Enxeñaría ferramentas para acceder ao mercado laboral

Público asisente á sesión de orientación laboral ofrecida por Gloria Cruz na EPS de Enxeñaría de Lugo
Público asisente á sesión de orientación laboral ofrecida por Gloria Cruz na EPS de Enxeñaría de Lugo
O programa ‘A fórmula cara o teu emprego’ terá continuidade no centro universitario lugués con dúas novas sesións programadas para o 27 de febreiro e o 13 de marzo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC favorece a busca activa de emprego de estudantes e titulados coa organización da xornada de orientación en inserción laboral ‘ A fórmula cara o teu emprego: os catro ‘E’ (EPS de Enxeñaría, Emprender, Emprego, Empresas’. O programa, estruturado en 26 horas de formación distribuídas en tres xornadas, comezou a desenvolverse este mércores na sala de xuntas da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, cunha sesión en quenda de mañá e tarde durante a que distintos relatores trataron de achegar ao público participante competencias transversais e ferramentas precisas tanto para a busca de emprego como para desenvolver iniciativas de emprendemento.

A ténico da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, será e relatora encargada de guiar a sesión matinal da primeira xornada deste programa, na que tratará cuestións ligadas á marca e ao márketing persoal, oportunidades de prácticas e emprego en Europa, bolsas de formación e emprego, elaboración de currículos, perfís profesionais, procesos e probas de selección ou, entre outros temas, programas de prácticas profesionais.

Xa en quenda de tarde, o programa inclúe diversos relatorios, a través dos que os coordinadores e coordinadoras dos másteres e demais posgraos que se imparten na EPS de Enxeñaría de Lugo achegaron información ao alumnado das posibilidades profesionais de inserción laboral que ofrecen esta formación, ao tempo que deron conta dos pasos a seguir para dar continuidade á carreira investigadora. As xornadas de orientación laboral ‘A fórmula cara o teu emprego: os catro ‘E’ (EPS de Enxeñaría, Emprender, Emprego, Empresas’ terán continuidade no centro universitario lugués os días 27 de febreiro e 13 de marzo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2019.