Ir o contido principal

O I Foro de Emprego da USC abriu as súas portas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Ao acto inaugural asistiron, de esquerda a dereita, Maite Cancelo, Xosé R. Leis, José M. Mayán, Xosé Manuel Iglesias e Pastor Fuenteseca
Ao acto inaugural asistiron, de esquerda a dereita, Maite Cancelo, Xosé R. Leis, José M. Mayán, Xosé Manuel Iglesias e Pastor Fuenteseca
O seu obxectivo é facilitar a inserción laboral dos titulados da USC e a súa promoción no mercado laboral

O I Foro de Emprego da USC abriu este mércores 14 as súas portas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais para que as empresas e institucións se acheguen a coñecer aos universitarios de maneira directa, contando cun espazo dende o que recoller currículos e presentar aos visitantes as súas ofertas de emprego, programas de prácticas e sistemas de acceso ás súas empresas.
A inauguración oficial do evento celebrouse este mércores presidida polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos, nunha sesión a que tamén asistiron os directores xerais de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario Galego, Xosé Ramón Leis Fidalgo, e de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca Díaz; a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Maite Cancelo Márquez, e o concelleiro de Promoción Económica do Concello de Santiago, Xosé Manuel Iglesias. No transcurso da sesión un grupo de mozos irromperon con pancartas contra o proceso de Bolonia provocando danos no material presente en diversos stands do Foro.
O programa do primeiro día do Foro continuou na Aula A do centro compostelán coa presentación do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da USC a cargo de Celia Conde-Pumpido Tourón, técnica da Área de Orientación Laboral da USC, e de Isabel Rodríguez Giadás, técnica da Área de Autoemprego. Deseguido, na Aula B, o responsable de Comunicación e Marketing RRHH de Caixa Galicia, Javier Pou de los Mozos, presentou esta entidade de aforro no relatorio ‘A nova xestión do talento nas caixas de aforros’. A continuación, na Aula A, a xerente da Área de Servizos Financeiros de Accenture, Cristina Vita, fixo a presentación desta empresa cunha intervención titulada ‘Apostamos pola mocidade. Apostamos por ti’.
Pola tarde, o programa retoma o seu curso con Indra na Aula A ás 16:00 horas, ao que lle segue unha quenda de intervencións ao redor do tema ‘Mercado de traballo e titulacións universitarias: estudos de inserción laboral’. Nesta sesión, que comezará ás 17:00 horas, achegaranse aos asistentes os principais indicadores do Estudo de inserción laboral dos titulados do SUG 2003-2005, do informe Saídas profesionais dos estudos de Matemáticas, e do estudo da ACSUG sobre A demanda de titulados por parte das pemes galegas. De xeito paralelo, na AULA B, as persoas interesadas poden acudir á presentación que o secretario do Consello Social da USC, Benigno Carril Pérez, realiza respecto do programa de prácticas en empresas e institucións da USC.
O I Foro de Emprego da USC inclúe entre as súas actividades unha serie de presentacións de portais especializados en emprego. Os primeiros en explicar os seus contidos foron Sandra López e Jorge Maceiras, de empleo.net, nunha sesión celebrada na Aula de Informática da Facultade. Pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, será a quenda de Miriam Méndez González, técnico de inserción laboral de Cimo.
Xoves 15A segunda xornada do Foro comezará ás 11:00 horas na Aula A coa intervención da responsable da Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago, Carme Casado, que explicará os servizos municipais de Compostela orientados á inserción laboral e o emprendemento. A partir das 12:00 horas, diversos colexios profesionais presentarán os seus recursos de utilidade na busca de emprego. Á mesma hora, na Aula B, tamén realizará unha presentación a empresa Repsol.
Formación, emprego e mobilidade serán os temas que se traten a partir das 13:00 horas na Aula A, coa participación do xefe da Oficina de Relacións Exteriores da USC, Enrique López Veloso; a técnica de xestión do Europracticum, Gloria Cruz; e a euroconselleira da Rede Eures, Emilia Seoane. A mesma hora, na Aula B, desenvolverase a presentación de Garrigues.
A partir das 16:00 horas na Aula A, analizaranse diversas alternativas profesionais ao remate da carreira. Nela intervirán o coordinador de Xestión e Promoción de Investigación da USC, Javier Sardina; a responsable de Emprego de Feuga, Silvia Doce Sexto; a directora do Gabinete Técnica de FUE, Marisol Pastor; e o director do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua da USC, José Luís Falguera. Deseguido, Diego Suárez Pousa, técnico de xestión de Uniemprende, falará sobre o emprendemento como saída profesional.
De xeito paralelo, na Aula de Informática completarase a quenda de presentacións de portais especializados en emprego coa presenza da Rede Eures, de 16:00 a 18:00 horas, a cargo de Emilia Seoane. O Foro clausurarase nun acto que dará comezo ás 18:00 horas.
O I Foro de Emprego da USCO I Foro de Emprego da USC é unha iniciativa da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social que pretende facilitar a inserción laboral dos titulados da USC e a súa promoción no mercado laboral. Organizado a través do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da Vicerreitoría, o evento diríxese a empresas, organismos públicos, estudantes e recén titulados.
O foro conta coa promoción e patrocinio de entidades como as consellarías de Traballo e de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Consello Social da USC, o Concello de Santiago, e organizacións e empresas como Caixa Galicia, RepsolYPF ou Accenture. Ademais, participarán ao redor de 30 empresas e entidades mais procedentes de todos os sectores e de implantación galega, nacional e internacional, Colexios Profesionais e portais de emprego.
Para acadar máis información sobre as actividades programadas así como as condicións de participación, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do Foro http://www.forodeempregousc.com/

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2007.