Ir o contido principal

Un foro de enxeñaría de Aeipro pon en valor na Escola Politécnica Superior do Campus Terra a dirección de proxectos

Bueno e Amiama, no centro, cos relatores das xornadas técnicas sobre dirección de proxectos na Escola Politécnica Superior
Bueno e Amiama, no centro, cos relatores das xornadas técnicas sobre dirección de proxectos na Escola Politécnica Superior

Técnicos de distintos ámbitos ofreceron a súa visión sobre diferentes aspectos relacionados coa xestión de proxectos no marco das xornada técnica organizada pola Asociación Española de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (Aeipro) na Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra da USC, onde se puxo de manifesto a importancia da figura e do cometido profesional que desenvolve o director/a de proxecto.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do máster oficial da USC en Dirección de Proxectos, Carlos Amiama Ares, foron os encargados de abrir este foro, que permitiu estreitar aínda máis as ligazóns existentes entre a EPS e a Asociación Española de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (Aeipro), que se comprometeu a organizar con certa periodicidade novas accións formativas e de divulgación no centro universitario lugués, no que o próximo ano a USC botará a andar a décima edición do seu máster oficial en Dirección de Proxectos.

A directora de proxectos da empresa Norvento Enerxía, Liliana Grande, abriu a quenda de relatorios desta xornada, que contou con preto de 80 participantes, cunha intervención sobre a importancia da xestión de riscos nos proxectos de enerxías renovables. Os proxectos na administración portuaria centraron a temática do relatorio ofrecido a continuación por José Enrique Escolar, xefe da área de planificación e infraestruturas do Porto de Vigo.

O capitán de navío e xefe de Enxeñaría e Construcións do Arsenal de Ferrol, Gabriel Braña abordou neste foro as principais características dos sistemas de adquisición de armamento en EE.UU. e Reino Unido, mentres que o delegado de Eptisa para Galicia e Asturias, Vicente Alcón Vidal, falou sobre a xestión de grandes proxectos de infraestruturas. As xornadas rematarán cunha intervención do presidente de Aeipro, Salvador Capuz, sobre novos estándares para a dirección de proxectos e programas.

Asistentes ao foro técnico promovido por Aeipro

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.04.2017.