O foro EQ-ETSE conectou o talento do estudantado coas oportunidades laborais das empresas
O cuarto Foro de Empresas EQ-ETSE facilitou que se desenvolveu este xoves na Escola Técnica Superior e Enxeñaría (ETSE) da USC permitiu que unha vintena de empresas que operan en Galicia puidesen explicar as oportunidades laborais que ofertan e coñecer o talento do estudantado dos graos e mestrados en Enxeñaría Química e titulacións análogas. A xornada foi inaugurada pola directora da ETSE, Julia González, quen lembrou que o Foro é unha das accións máis destacadas neste compromiso pola empregabilidade e a excelencia profesional.
Pola súa banda, o coordinador do Mestrado de Enxeñaría Química e Bioprocesos, Héctor Rodríguez, sinalou que “estamos moi satisfeitos co poder de convocatoria tanto por parte das empresas como do estudantado, que sempre é moi receptivo a este tipo de iniciativas porque lles permite unha conexión coa realidade posterior que se van atopar e dotar de mellor sentido aos estudos que están a cursar. Por iso é moi beneficioso para as dúas partes. Respírase sinerxía por todos os lados”.
Experiencia positiva
O obxectivo principal do evento foi facilitar un primeiro contacto directo entre o estudantado da USC e o tecido empresarial galego, ofrecéndolle á mocidade a oportunidade de presentar os seus currículos, demostrar as súas habilidades e explorar posibles vías de inserción laboral. O estudantado sabe da importancia deste encontro, como afirma un dos estudantes que asistiu a el, Adrián, quen subliña que a cita lle permitiu “ter unha visión máis global das empresas e danos idea do que nos imos atopar no futuro, ver o que buscan en canto a perfís e coñecer incluso empresas que non sabías que existían”.
Tamén é unha experiencia moi positiva por parte das firmas convidadas, como no caso de Bioga, un clúster de empresas galegas de biotecnoloxía, que acudiu a Santiago “para ofrecer a súa plataforma de emprego ao alumnado”, pois “funciona moi ben porque máis de sete mil persoas inscritas na plataforma de emprego e 130 empresas xa a están a utilizar”, engade Pablo Quinteiro. Na mesma liña, Alejandro García, de Lonza, recoñece que o seu propósito é “buscar motivación” porque son os programas de bolsas e prácticas “os que mellor axudan á selección de persoal cualificado e que se identifique cos obxectivos e filosofía da empresa”.
O Foro de Empresas EQ-ETSE consolídase como un espazo esencial para conectar o talento universitario coas necesidades do sector industrial, garantindo que a formación académica se traduza en oportunidades reais de desenvolvemento profesional. Participaron Cortizo, Vertex Bioenergy, Repsol, Nueva Pescanova, Finsa, Alcoa, Lonza, Viaqua, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (Coeticor), o departamento de Orientación Laboral e Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, Altri, Bioga, Cetaqua, Ence, Espina y Delfín, Foresa, Idom, Syspro e Cetim.
Presentacións
O foro estruturouse en dúas partes. A primeira consistiu nunha rolda de presentacións breves por parte das empresas, nas que explicaron os seus proxectos e as oportunidades de colaboración que ofrecen. Na segunda, tivo lugar un espazo de interacción directa no que o estudantado puido conversar coas persoas representantes das empresas, resolver dúbidas e deixar os seus currículos.