Ir o contido principal

O Foro Galego de Educación para a Igualdade abordará o estímulo do emprendemento dende a escola

Celébrase na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración o venres 25 e o sábado 26

Co lema ‘Vías de igualdade para estimular o talento dende a escola: ensinar a emprender, aprender a emprender’ o XV Foro Galego de Educación para a Igualdade celebrarase este venres 25 e o sábado 26 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC coa intención de propiciar a construción dun novo modelo formativo que incorpore o emprendemento en feminino como motivo de debate. Esta acción formativa busca transferir ás aulas e ao alumnado ferramentas coas que poder traballar na capacitación de persoas emprendedoras e innovadoras ao tempo que potenciar a través da cultura emprendedora determinados valores como o esforzo, a responsabilidade ou a implicación. A USC participa na organización deste foro a través do programa Woman Emprende e trata de subliñar o papel do emprendemento como “alternativa poderosa á organización tradicional do mercado de traballo, sendo as mulleres as figuras que teñen na súa man a posibilidade de romper cos patróns habituais no mundo empresarial”. O foro porá a disposición do profesorado de ensino non universitario a experiencia e konw-how acumulados en temas relacionados coa cultura emprendedora. Nos contidos a presentar aplicarase a perspectiva de xénero na promoción de actitudes e habilidades que configuren o talento, como as formas do liderado ou a iniciativa e autonomía persoal. Tamén se tratará a integración da variable de xénero nas iniciativas para o fomento da creatividade persoal e da cultura emprendedora. Deste xeito, tanto o venres 25 como o sábado 26 están previstos unha serie de mesas redondas e obradoiros que permitan ofrecer unha visión próxima e fiel á realidade da experiencia emprendedora. O acto inaugural celebrarase o venres a partir das 16.30 horas e dará paso á conferencia que pronunciará José Manuel Pérez ‘Pericles’ que presentará a experiencia do programa Valnalón-Asturias como creadores de ferramentas para levar ás aulas o emprendemento dende unha visión integral e responsable. A primeira sesión complétase cun obradoiro sobre a dobre perspectiva da creatividade levada á aula, da man da socia fundadora de Equaltecnia Ingeniería y Consultoría, Carmen Blanco Teijeiro. O programa do sábado 26 comezará ás 10.00 horas cunha mesa redonda dedicada ás iniciativas empresariais de base tecnolóxica como fonte de coñecemento universitario e concretamente a casos de éxito promovidos por mulleres. Intervirán representantes de Biovía consultor medioambiental, dehistoria, Appentra Solutions e de Deroceras. A continuación o socio fundador de Acción-Consciente, Leandro Fernández Macho, desenvolve o segundo obradoiro dedicado ao tema ‘A innovación vinculada ao coñecemento que se desenvolve nas aulas, a paixón na aula nas diferentes áreas do coñecemento’. Para completar a sesión matinal, está programado un obradoiro sobre cooperativismo no que o equipo técnico e colaborador da Rede Eusumo avalía como traballar esta fórmula na aula. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, unha mesa redonda abordará ‘As iniciativas empresariais lideradas por mulleres, outra forma de crear empresas’ coa participación de Sonia Pazos, directora de Innovación de Feuga e vicepresidente de Executivas de Galicia; Ana Lorenzo Vila, socia da cooperativa Cidadanía e técnica en cooperativismo; e Eva López Barrio, responsable de Woman Emprende da USC. Para completar as actividades do Foro, o colaborador formador de Equaltecnica Aquilino Lousa Reventós será o responsable dun obradoiro que ofrecerá claves para que nas aulas se estimulen persoas emprendedoras, atentas ao contorno, creativas e formadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2014.