Ir o contido principal

O foro MyCOAST profunda nas ferramentas para abordar os riscos dos observatorios pesqueiros

De esquerda a dereita, Isaac Gómez, Vicente Pérez e Covadonga Salgado. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Isaac Gómez, Vicente Pérez e Covadonga Salgado. FOTO: Santi Alvite
O proxecto pon o foco en como a observación da dinámica costeira é fundamental para levar a cabo unha xestión integrada e un desenvolvemento sostible das zonas que se sitúan na costa
Santiago de Compostela

As ferramentas para abordar os riscos nos observatorios costeiros centran este mércores 1 o Workshop MyCOAST. O vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a directora de Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), Covadonga Salgado; e o subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Isaac Gómez, participaron na sesión inaugural.

Julien Mader do centro tecnolóxico vasco AZTI e Manuel Ruiz Villarreal do Instituto Español de Oceanografía presentaron dous sistemas europeos de observación aos observatorios costeiros xa que a xornada enmárcase no seo do proxecto MyCOAST que pon o foco en como a observación da dinámica costeira é fundamental para levar a cabo unha xestión integrada e un desenvolvemento sostible das zonas que se sitúan na costa, o aproveitamento dos seus recursos e a protección do medio mariño ante as principais incertezas que supón o cambio climático.  

A sesión continuou con Silvia Torres do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), quen abordou os sistemas de observación costeira do Observatorio RAIA. A intervención de Juan Taboada de MeteoGalicia, pola súa parte, centrouse nos sistemas de predición costeira do Observatorio RAIA.

A continuación, o programa do foro profunda nas ferramentas de xanela meteorolóxica óptima para a operación e mantemento de instalacións de enerxías renovables offshore, nas da acuicultura costeira, nas ferramentas para a xestión da contaminación costeira e procura e salvamento (SAR), aquelas outras para a alerta de inundacións costeiras, así como nas ferramentas para a xestión de operacións portuarias.

Asistentes ao foro. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao foro. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.03.2023.