O Foro xurídico do CEA iníciase cunha conferencia sobre as repercusións do Brexit no Dereito contractual europeo

O Foro Xurídico do Centro de Estudos Avanzados inaugúrase o vindeiro xoves 6 de abril cunha figura de primeiro nivel, Hugh Beale, que abordará as repercusións do Brexit no futuro do Dereito contractual europeo.
Con este novo foro do CEA a Universidade de Santiago de Compostela pretende achegar ao público interesado as cuestións máis candentes do panorama xurídico a través da intervención de persoeiros do mundo do Dereito de máximo prestixio internacional. A conferencia coa que se inicia o ciclo, ‘Harmonisation of contract law for an internal European market without the UK’ será ás 19.00 horas.
Hugh Beale, profesor das Universidades de Warwick e Oxford e autor de numerosas obras de referencia sobre Dereito de contratos, é un dos máximos especialistas no lento e complicado proceso de harmonización do Dereito contractual en Europa, sector de máxima importancia para o correcto funcionamento do mercado interior e para a defensa da parte contractual máis débil, singularmente os consumidores e as pequenas e medianas empresas.
Na súa conferencia, o reputado profesor desenvolverá a súa tese segundo a cal, coa culminación do Brexit e a conseguinte desaparición da tradicional oposición do Reino Unido á harmonización xurídica neste ámbito, os esforzos poderán concentrarse naquilo que verdadeiramente importa ao mercado interior: a procura dun dereito contractual axeitado para a protección dos consumidores e os pequenos e medianos empresarios que deben contratar coas grandes empresas posuidoras dunha moi superior capacidade negociadora.