Ir o contido principal

A fotografía paisaxística e de natureza centrará en maio un curso da Fundación USC Deportiva en Lugo

Cartaz anunciador do concurso de fotografía da natureza promovido pola Fundación USC Deportiva
Cartaz anunciador do concurso de fotografía da natureza promovido pola Fundación USC Deportiva
A actividade formativa está estruturada en 14 horas de duración e desenvolverase en tres sesións programadas para os días 9,11 e 16 de maio

A Fundación USC Deportiva celebrará no mes de maio no campus de Lugo un curso de fotografía da natureza, unha iniciativa formativa que se encadra dentro da área de actividades no medio natural da Fundación USC Deportiva e que se desenvolverá ao longo de tres xornadas, os días 9, 11 e 16 de maio.

O curso de fotografía na natureza, que chega este ano á súa terceira edición, aínda que por vez primeira se celebra en Lugo, pretende que as persoas participantes, afeccionadas a saír ao monte coa cámara fotográfica, coñezan as pautas básicas da fotografía de natureza e aprendan as técnicas máis empregadas polos fotógrafos que desenvolven o seu cometido profesional en espazos naturais e no eido da fotografía de paisaxe. Este seminario de fotografía da natureza, cuxo programa formativo ten unha duración de 14 horas, comezará cunha sesión teórica, durante a que se procederá a revisar as principais técnicas e diferentes tipos de fotografía de natureza. Asemade, inclúe saídas ao campo con rutas guiadas por persoal especializado e en compañía do fotógrafo Andrés Fraga, que será o docente encargado de impartir o curso, que vixiará a aplicación das técnicas aprendidas na sesión teórica. A visualización e o comentario das imaxes captadas polos/as participantes centrará o 21 de maio a xornada de clausura deste curso. Esta actividade lúdica e formativa promovida pola Fundación USC Deportiva desenvolverase na aula 21 da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, onde terán lugar as sesións programadas en quenda de tarde, de 18.00 a 21.00 horas, o 9 e o 16 de maio. Asemade, as persoas inscritas neste curso realizarán ao longo de toda a xornada do domingo, día 11 de maio, de 10.00 a 18.00 horas, unha expedición guiada que os levará polos parques fluviais dos ríos Rato e Miño. O curso de fotografía na natureza ofrece un máximo de 15 prazas e está aberto á participación de calquera tipo de público maior de idade. As persoas interesadas, que deberán ir provistas dunha cámara fotográfica, poderán formalizar a súa inscrición no curso ata ao 5 de maio na páxina web http://fundacionuscdeportiva.org/ logo de cubrir o formulario de matrícula dispoñible. O custe da actividade é de 100 euros. As persoas interesadas en acadar máis información respecto do desenvolvemento desta actividade poden poñerse en contacto cos responsables da Fundación USC Deportiva a través do número de teléfono 881 975 399.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2014.