Ir o contido principal

Fototalentos chega a Santiago cunha exposición sobre 'Convivencia' de 24 novas promesas

Más de 6.000 universitarios españois e latinoamericanos participan na segunda edición do concurso

O xardín exterior do Colexio de Fonseca é o escenario escollido para albergar ata o 28 de abril a terceira das exposicións itinerantes de Fototalentos´09, o concurso de fotografía que vincula á comunidade universitaria iberoamericana co mundo da arte. En Santiago expóñense os 24 documentos máis votados de entre os máis de 1.500 presentados na categoría de Convivencia.
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o director da Fundación Banco Santander, Javier Aguado, inauguraron hoxe esta mostran un acto ao que tamén asistiron a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo, e o adxunto ao conselleiro delegado de Universia, Ramón Capdevila.
Javier Aguado lembrou o paso da Colección Santander pola capital galega cunha exposición na Igrexa da Universidade e agradeceu a acollida da USC a esta outra mostra, destacando ”a convivencia como un dos valores fundamentais no mundo de hoxe, non só entre persoas, senón entre estas e o medio natural”, idea na que coincidiu Barro, para quen a convivencia “debería ser algo cosubstancial ao ámbito académico”.
Pola súa banda, Ramón Capdevila destacou a alta participación e a boa calidade das fotografías presentadas. “Máis de 6.000 universitarios demostraron que a fotografía é a disciplina artística con mellor acollida entre a xente nova”, sinalou.
Durante nove semanas, a páxina web do concurso nesta segunda edición congregou a preto de cento cincuenta mil usuarios que cos seus votos decidiron as obras seleccionadas de cada categoría, consolidándose así como o certame de fotografía referente no ámbito universitario que nos dous últimos anos contou con máis de 20.000 traballos.
Denuncia, beleza e medio ambienteEsta primeira fase do concurso pechouse con case 7.000 instantáneas nas categorías de Sustentabilidade, Educación, Saúde, Igualdade e Convivencia, dúas máis que na pasada edición. A maioría das obras son un reflexo da multiculturalidade dos participantes e das súas inquedanzas polos problemas da nosa sociedade. Hai moita fotografía denuncia pero tamén a que resalta a beleza, a convivencia, as boas prácticas medioambientais ou o factor humano.
De novo, foron os españois os que máis se aventuraron a captar coas súas cámaras imaxes que logo presentarían ao concurso. Así, 84 universitarios das nosas fronteiras compiten con brasileiros, colombianos, peruanos, mexicanos, arxentinos, chilenos, uruguaios e portugueses.
A final, en SantanderA exposición, impulsada pola Fundación Banco Santander coa colaboración de Universia e neste caso a Universidade de Santiago de Compostela, irá despois á Complutense para mostrar as fotos da categoría de Educación e a Sevilla para facer o propio coas de Igualdade, logo de ter pasado por Valladolid e Oviedo. Xa unha última mostra na Cidade Financeira Santander de Boadilla del Monte recollerá entre as 120 fotografías as 25 finalistas e un xurado profesional elixirá a peza gañadora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2009.