Francisco López Peña apunta na súa tese a un crecente déficit comercial derivado da nova configuración do sistema económico mundial
A nova configuración do sistema económico mundial xera un crecente déficit comercial, como consecuencia da maior complexidade das relacións económicas globais. Nos últimos anos creáronse “un número cada vez maior de organizacións internacionais que se ven desbordadas polas crecentes demandas públicas que non conseguen satisfacer plenamente”, sinala Francisco López Peña, director xeral dos Astaleiros Polyships do Grupo Rodman, na súa tese de doutoramento defendida na USC.
O que fora delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, considera que “estamos nunha fase de transición, caracterizada por un cambio moi rápido nas institucións mundiais e por un crecente déficit institucional global”. Segundo o investigador, dende a Idade Media o Estado foise perfeccionando “adaptándose ás necesidades das sociedades e os sistemas económicos que xurdiron dende entón”. Fronte esta evolución, engade López Peña, “agora o Estado é incapaz de dar resposta aos novos problemas, xa que o superan espacialmente”.
Nun sentido máis concreto, o autor do traballo considera que o campo de estudo da facenda pública clásica ten na actualidade unha nova dimensión relacionada cos bens públicos globais e o réxime fiscal internacional. Faise necesario, na súa opinión, “que ademais de estudar o federalismo fiscal como un nivel inferior ao Estado, se atenda a outro espazo económico superior a este para analizar estas cuestións”. Dende esta perspectiva “as tensións sociais que se engloban no que se denomina globalización terían a súa causa nun déficit institucional a nivel mundial”, engade.
A influencia de DarwinPara o desenvolvemento da investigación o doutor López Peña aborda as hipóteses “botando man do método evolutivo creado por Darwin, cunha aplicación crecente noutras áreas do coñecemento”. Neste senso, sinala Francisco López, “a economía clásica realiza análises estáticos”, fronte a elo “o que tratamos de analizar é un proceso de cambio, polo que a metodoloxía aplicada ten que ser diferente”.
A tese, titulada ‘Os problemas fiscais da globalización: cara a un goberno mundial’ e dirixida polo profesor Luis Caramés Viéitez foi merecedora da máxima cualificación no acto de defensa e mantemento celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ante un tribunal que conformaron María Cadaval, Miguel Vázquez Taín, Fernando González Laxe, Carlos Pinho e Antonio Grandío.