Ir o contido principal

A Fundación Aquae Querquennae, distinguida co premio Cultura Galega 2011

Na categoría de Iniciativas en prol do patrimonio cultural

A Fundación Aquae Querquennae , a cuxo padroado pertence a USC, resultou distinguida co premio Cultura Galega 2011 ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural. A Consellaría de Cultura e Turismo recoñécelle o traballo desenvolvido no xacemento ‘Aquis Querquennis’, situado en Bande (Ourense) e que ten como finalidade a posta en valor dos recursos naturais, etnográficos e turísticos. Aquis Querquennis é un extenso complexo arqueolóxico formado por un antigo campamento romano, un poboado e unha mansión sitos na beira do que no seu día foi a Vía Nova, unha calzada romana que discorría entre Braga e Astorga. O profesor da USC Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco participan dende 1975 nos traballos de recuperación do conxunto arqueolóxico-paisaxístico articulado arredor do xacemento romano emprazado entre as vilas de Baños e Porto Quintela (Bande, Ourense). Para continuar cos traballos de recuperación e promoción deste xacemento e da Vía Nova romana constituíuse en 1999 a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida pola Universidade compostelá, a Consellaría de Cultura, o Grupo Larouco, o Concello de Bande, Unión Fenosa e a Deputación Provincial de Ourense, e na que forman parte do padroado Antonio Rodríguez Colmenero e Carlos A. Gómez Otero, ambos os dous da USC. A Fundación conta cun centro para investigadores e o Centro de Interpretación. A Fundación busca facer da zona romana de Aquis Querquennis unha oferta con atractivo no contexto do turismo cultural de alto interese e rendibilidade social e cultural. Deste xeito, dedícase a protexer, estudar e promover o citado complexo arqueolóxico e os sectores da Vía Nova Romana. O xurado O xurado dos premios, reunido este mércores na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e contou coa participación do director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán; o vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel José Fernández; o membro da xunta de goberno da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Ramón Yzquierdo; e como membros do xurado designados pola Consellaría de Miguel Fernández Cid, Natalia Lamas, Isabel Aguirre e Carmen Castro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2011.