Ir o contido principal

A Fundación Barrié presenta o mércores na EPS o seu programa de bolsas de posgrao no estranxeiro para 2013

A convocatoria contempla 45 bolsas, das que 30 son para estadías predoutorais, 5 para formación posdoutoral e 10 para másteres

A Fundación Barrié presentará este mércores, día 27 de febreiro, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, o seu programa de bolsas de posgrao no estranxeiro para 2013, unha convocatoria que ofrece un total de 45 bolsas, das que 30 están dirixidas a titulados universitarios interesados en completar estadías de investigación predoutoral en centros estranxeiros de prestixio, 5 son para formación de posdoutoral e as dez restantes para desenvolver estudos de másteres en centros ou universidades estranxeiras.

Os interesados en participar neste programa de bolsas de posgrao convocado pola Fundación Barrié poderán formalizar a súa inscrición nesta convocatoria ata o vindeiro 31 de marzo a través do formulario en liña habilitado para tales efectos na páxina web www.fundacionbarrie.org, onde tamén poderán atopar ampla información sobre esta convocatoria de bolsas.

O director de Educación da Fundación Barrié, Antonio Varela; a responsable do programa de bolsas da fundación, Montserrat Orta Isasi, e Ana José Varela, en calidade de directora de inversións, serán os encargados da presentación desta nova edición de bolsas de posgrao da Fundación Barrié, nun acto aberto á participación de alumnos e titulados do campus de Lugo no que tamén se agarda a presenza de responsables académicos da Universidade de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2013.